Bo día a todos e todas!
Hoxe é venres e como non podemos perder o espírito deste día e nos vai resultar imposible facer a nosa visita semanal á biblioteca, que aos pequechos e pequechas tanto lles gusta, imos intentar algo diferente!
Propóñovos que vaiades buscar calcetíns de tódalas persoas coas que convivades, collede un bo montón deles e o primeiro que debemos facer é, remexelos todos!
Seguinte paso: imos levar a cabo un reto, sentámonos todos e todas no chan e debemos intentar poñer o maior número posible de calcetíns no tempo que vós marquedes en función do nivel madurativo do neno ou nena (está claro que son eles e elas os que levan vantaxe, nós non podemos poñer os seus calcetíns!), deste xeito estaremos traballando a autonomía nas actividades cotiás e a motricidade fina. Cando rematen eses 2, 3, 4,... minutos que puxemos na conta atrás (pode ser do móbil, reloxo, etc, pero que sexa visual) deberemos recontar cantos puxemos cada un de nós. É importante pararnos nisto do conteo e rexistralo en papel. Ademais de comparar os resultados e poñelos de maior a menor. Traballando así a lóxica matemática. Podemos levalo a cabo varias veces, ata que deixe de ser motivador para o neno ou nena.
Último paso: poñelos de novo por parellas (de novo lóxica-matemática) e dobralos. Ademais, outra opción é tamén debuxar un calcetín e facer a súa simetría (para os máis maiores), ou debuxarlles unha metade do calcetín e que completen eles a outra metade e o decoren seguindo o modelo dun calcetín que teñamos diante (xa para os máis pequenos).
E para rematar, devolvelos ao seu lugar!
Gozade destes momentos cos nenos e nenas, aínda que sexan de curta duración, merece a pena :)
Saudiños!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Lembramos aos usuarios do blogue que para publicar un comentario hai que ter en conta que debemos utilizar un vocabulario e ortografía axeitados e sempre co debido respecto. Non se aceptarán comentarios que sexan faltas de respecto ou conteñan vocabulario indebido.