luns, 28 de novembro de 2022

SOLUCIÓNS AO CONCURSO "LUGAR SEGREDO"

Foron moitas as respostas recibidas para o concurso do lugar segredo e a verdade que estivo moi ben e fixérono todas/os de marabilla, polo que Históric@s 7.0 decidiu darlle un agasallo a todo o que participou (xa están chegando as vosas casas). Parabéns e grazas!

Deixamos vídeo coa solución:


venres, 25 de novembro de 2022

CONCURSO DE LEMAS 25 N

Hoxe foi un día especial, pois tivemos a visita de Pilar e Ana , encargadas da área de cultura e igualdade no Concello.

Todas as nenas e nenos do cole fomos ata a biblioteca. Alí falamos do significado deste día, así como dos lemas tan traballados e orixinais que escribiron as rapazas e rapaces.

Pilar e Ana fixeron entrega dun diploma e dunha libreta a todos os alumnos que participaron, un ano máis, no Concurso de Lemas organizado polo Concello.

Este ano os alumn@s premiados foron os seguintes:

-1º PREMIO: María Rico, que recibiu o libro de “Sainza a Punkiereteira”

-2º PREMIO: Estrela Calvo, que recibiu o libro de “Pioneiras 2”

-3º PREMIO: Adrián Muíño, que recibiu o libro de “Vivan as uñas de cores”

Grazas a todos por participar! E grazas Concello de Moeche por esta actividade!

Aquí vos deixamos unhas fotos deste día:
















ESTA SEMANA EN METEOMOECHE...

O noso observatorio meteorolóxico xa comeza a funcionar como outros anos coa chegada de varias propostas das familias e profesorado.

A primeira foto nola fai chegar dúas irmás: Oihane (4º de primaria) e Uxue (infantil). Nela podemos ver un arco da vella que amosa toda a súa gama de cores!



Noa (5º de primaria) quere ensinarnos unha tormenta que deixou moita auga na súa visita a Porto do Son. Encántanos cando viaxades e vos acordades de MeteoMoeche!


Noel (infantil) quixo tomar el mesmo unha foto do arco da vella. Todo un profesional con só 5 anos!


E a última é cortesía da profe Yaiza, que antes de entrar no cole visualizou este espectacular arco da vella. Esperamos verte moito por este foro Yaiza!



CHARLA PLAN DIRECTOR

Como todos os anos, acollemos no centro a charla do Plan Director para o alumnado de 5º e 6º. Este ano o tema era sobre o acoso escolar, moi importante nestas etapas.

Coa presenza de Sara aprendemos moito sobre este tema e, sobre todo, collemos moitas ferramentas para deter este tipo de situacións. Moitas grazas Sara pola túa implicación un ano máis.



martes, 22 de novembro de 2022

DÍA DA INFANCIA 2022

O día 20 de novembro celébrase o Día da Infancia. Ao caer en domingo decidimos trasladalo ao martes, xa que fomos invitados polo Concello de Moeche a asistir a un pleno infantil. 

Días antes xa comezamos a traballar sobre a temática, que este ano versaba sobre saúde mental. Partimos das ideas reflexadas en libros que temos no cole sobre educación emocional, e conversamos moito, creamos materiais que reflectían o que sentíamos e, como colofón, expuxemos as nosas conclusión no pleno infantil. Un pleno no cal tamén participaron as nenas e nenos do CLIA (tamén alumnas/os do centro) contándonos as propostas que levaron a pasada semana ao Parlamento de Galicia.

Asemade, tamén recibimos un dos buzóns de suxerencias que o CLIA vai instalar en tres lugares do concello para recibir propostas.

Foi unha xornada moi bonita e de grandes aprendizaxes. Moitas grazas ao Concello por invitarnos e darnos voz!







luns, 21 de novembro de 2022

TORNEO DATCHBALL



O Datchball é un deporte que causa moito furor dentro do alumnado do San Ramón, tal é así que ata fixemos un torneo nos recreos. Houbo catro equipos participantes: Bam Bam, Pro Players, Pelotazos e Me da igual.
O torneo disputouse en dúas fases: unha liga regular onde todos xogaban contra todos para obter unha clasificación que lles permitía xogar a final de consolidación ou a Gran Final.
Foi o equipo Pelotazos quen foi o claro destacado da liga regular gañando o pleno dos seus encontros e clasificándose para a gran final contra un Bam Bam que accedía despois de ter un triple empate na segunda posición que se resolvía por diferencia de sets, dándolle a segunda plaza na final.
A 3º e 4º posto foi un trepidante encontro entre Pro Players e Me da igual, sendo os primeiros quenes se impoñían ao rival despois dun traballado 3-1.
A gran final prevíase emocionante coa gran afluencia de público con carteis e cancións de ánimos para ambos conxuntos. Emocionante partido que chegaba ao set final tras un 2-2. Neste set vivíamos unha gran actuación de todos os nenos e nenas. Foi tal a igualdade que finalmente foi un 1x1 entre Nuno e Oihane, sendo un gran lanzamento da rapaza que conseguía eliminar a Nuno e con isto darlle a victoria e o campionato a BAM BAM.
Parabén a todos/as pola participación, o gran nivel e sobre todo a deportividade amosada durante todo o torneo!!!








venres, 18 de novembro de 2022

PLANTAMOS NO COLE

 Esta semana dende os máis pequenos ata os máis maiores, estivemos plantando varios ciclámenes de cores diferentes e catro arbustos: verónica, azalea, dafne e esquimia.

Queremos dar as grazas ao Concello pola colocación da maia antiherbas e a Alicia, polas explicacións das distintas plantas e por agasallarnos cunha delas!

Grazas ao esforzo de tod@s a entrada do noso cole quedou moi chula!

Pinchade na imaxe para acceder ao vídeo







xoves, 17 de novembro de 2022

SAÍDA CULTURAL

Hoxe os máis pequenos do cole fóronse de excursión ao Auditorio Municipal de Narón. Alí, a compañía Galeatro presentou a obra "Carabela".

Carabela é a historia da cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Alí, constrúe unha nena feita de plástico para saíres da soidade na que se atopa, rodeada de peixes mutantes, paxaros choróns e de vertedoiros que non alimentan. 

O alumnado pasouno xenial e aprenderon a valorar máis os océanos concienciándose coa reciclaxe.

Aquí deixamos algunhas fotos:











martes, 15 de novembro de 2022

NOVA TEMPADA NO OBSERVATORIO DE METEOMOECHE

Comezamos nova tempada en MeteoMoeche, o noso particular observatorio. Lembrade que toda a comunidade educativa pode mandar fotografías que considere interesantes no tocante á meteoroloxía: choivas, neve, arco da vella, calquer fenómeno atmosféricos en xeral!

Hoxe inauguramos con propostas de dúas profes:

Unha das máis habituais neste espazo o curso pasado, a teacher Alba envía, en primeiro lugar, un arco da vella visto na cidade de Ferrol!


E neste pequeno vídeo un solpor na praia de Esmelle (Ferrol)


Aquí podemos observar a Ría de Arousa e a súa beleza, contemplamos esta fermosa paisaxe desde o Monte Xiabre. As illas de Sálvora e Ons saúdannos desde o mar.




Unha forte marexada na praia da Frouxeira (Valdoviño)


E a profe Andrea debuta con este pedazo arco da vella que cazou vindo para Moeche!


Xa sabedes, se queredes enviar as vosas propostas facédeo a través de "meteomoeche@gmail.com"

venres, 11 de novembro de 2022

SIMULACRO DE INCENDIOS




Hoxe soaban sirenas no San Ramón, pero afortunadamente non pasara nada. Como todos os anos fixemos un simulacro de incendios necesario para estar preparados e saber ben como actuar. As nenas e nenos fixérono moi ben, comezando pola valente Julia que foi voluntaria para facer de alumna que non saia do recinto. A evacuación fíxose moi rápido e ordenadamente por parte do alumnado e profesorado. Unha vez postos a salvo e "resctando a Julia", os equipos desprazados ata o centro ensináronnos un pouco máis sobre o seu traballo. Protección Civil, Garda Civil de San Sadurniño e GES de Ortigueira, uno ano máis, fixeron da xornada un día especial. Coñecimos os seus traxes e materiais, entramos nos coches, puxemos sirenas e incluso usamos as mangueiras dos bombeiros. Quedamos encantados, como se pode ver nas fotos. MOITAS GRAZAS!

VISITA A RADIO FENE


O alumnado de 5º e 6º participou durante estas últimas semanas nunha formación de radio a través de ONDA ODS. Na mesma tivemos a oportunidade de poder contar no centro coa locutora de radio Susana Falcón, toda unha profesional que nos ensinou os aspectos básicos para levar a cabo un programa de radio, tanto na preparación do guion como na posta en práctica e incluso temas técnicos da súa profesión. Durante as catro primeiras semanas elaboramos tres podcast que gravamos este xoves en Radio Fene. Foi unha gran oportunidade poder ver de cerca como funciona unha radio profesional, e máis todavía poder ser participantes da súa emisión. Tratáronnos de marabilla e incluso as nenas e nenos foron agasallados cun libro cada un e dous exemplares para o centro. MIL GRAZAS!!!












CONCURSO "LUGAR SEGREDO"

HISTÓRIC@S 7.0 lanza un concurso para que participe toda a comunidade educativa consistente en adiviñar varios lugares segredos que eles vos propoñen no seguinte vídeo. A idea xorde de traballar as descricións de lugar e veremos se sodes capaces de adiviñalas todas! Para participar simplemente deberás enviar un correo a "historicosmoeche@gmail,com" indicando as vosas respostas tal e como se di na descrición do vídeo. Se acertas todas teredes un agasallo personalizado!!!



luns, 7 de novembro de 2022

Concurso portas terroríficas

No CEIP San Ramón tomámonos o Samaín/Halloween moi en serio. Non so decoramos cabazas e facemos concursos de debuxos, senón que tamén decoramos as portas terrorificamente. Quedaron horripilantes! 👻👻


E velaquí temos aos gañadores. Enhoraboa!!!: