Amosando publicacións coa etiqueta BIBLIOTECA_ CREATIVA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BIBLIOTECA_ CREATIVA. Amosar todas as publicacións

domingo, 1 de novembro de 2026

SAMAÍN 2026

O pasado venres celebramos o Samaín no cole cunha mañá chea de diversión. Viñemos disfrazados e disfrazadas, gozamos dunhas boas castañas e participamos na nosa tradicional decoración de cabazas, unha actividade na que as familias volveron colaborar con moita ilusión e creatividade.

Nesta xornada tamén contamos coa participación especial das señoras da Casa do Maior, que quixeron acompañarnos e compartir connosco esta celebración. Ademais, houbo espazo para algunha que outra actuación que animou aínda máis a mañá.
Pasámolo xenial, foi unha xornada moi especial. Moitas grazas ás familias e ás señoras da Casa do Maior por formar parte desta celebración!





    


mércores, 21 de outubro de 2026

Biotecnólogos resolven un crime!

 Hoxe, o alumnado do segundo e terceiro ciclo de primaria participou nun obradoiro científico, no que a lectura e o misterio foron os protagonistas. A través dunha historia na que alguén roubara un valioso manuscrito da biblioteca, os nenos e nenas convertéronse en investigadores e investigadoras coa misión de descubrir quen fora o responsable.

Para resolver o caso, realizaron un experimento de extracción de ADN dos chícharos, utilizando materiais cotiáns e seguindo os diferentes pasos do proceso. Deste xeito, puideron coñecer máis de preto que é o ADN, como se pode extraer e que relación ten coa biotecnoloxía.

Foi unha oportunidade para achegar a ciencia ao alumnado dun xeito práctico, participativo e divertido, demostrando que as historias tamén poden ser unha porta de entrada ao coñecemento científico.
Esta actividade enmárcase no programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.






luns, 12 de outubro de 2026

EMPEZA MODESTIN-ARTE!

 O venres pasado vivimos no cole unha actividade moi especial para dar comezo ao noso proxecto deste curso. A nosa amiga Modestina enviounos unha mensaxe en vídeo para contarnos que este ano imos mergullarnos no mundo da arte, coa misión de rematar o curso converténdonos en auténticos artistas e facendo de Moeche unha gran obra de arte. 

Para comezar esta aventura, tiñamos un reto: aprender a mirar a nosa contorna con outros ollos, descubrir a beleza das pequenas cousas e atopar arte alí onde ás veces pasa desapercibida.

Para iso, convertémonos en equipos de exploradores e exploradoras e percorremos o cole na procura de pistas, detalles e descubrimentos, superando os retos artísticos que Modestina nos tiña preparados. Despois da expedición, reunímonos todos e todas na biblioteca para compartir os nosos achados e poñer en común as nosas ideas e descubrimentos.

A través deste proxecto queremos descubrir que a arte non está só nos museos, nos cadros ou nas esculturas. A arte tamén pode agocharse nunha folla, nunha sombra, nunha pedra, nun cheiro, nunha historia, nunha persoa ou nunha paisaxe. Incluso nunha desas cousas que levamos toda a vida vendo, pero nas que nunca nos paramos a reparar.

Que comece a aventura! Benvidos e benvidas a MODESTIN-ARTE!














xoves, 25 de xuño de 2026

ÚLTIMA DÍA DO CURSO, FELIZ VERÁN A TODOS E TODAS!

 Boas familias, 

O último día de curso pasámolo en grande! Comezamos a mañá graduando o alumnado de 5º de infantil e de  6º de primaria, despois fixemos o tradicional partido de alumnado contra profesorado e finalmente recibimos as vacacións cunha GRAN FESTA DA AGUA. 

E agora si que si... FELIZ VERÁN A TODOS E TODAS! Vémonos en setembro!








VISITA DAS SEÑORAS DA CASA DO MAIOR CASABRANCA


 Boas familias,

a semana pasada viñeron a visitarnos ao cole as señoras do centro do maior. Os nenos e nenas de infantil e de sexto de primaria prepararon uns contacontos e despois  amosámoslles fotos e vídeos de moitas das actividades que fixemos ao longo do curso. Foi unha mañá moi agradable e desfrutamos moito da presenza das señoras no cole, agardamos que volvan pronto!




       







xoves, 18 de xuño de 2026

ACTIVIDADES DA BIBLIOTECA: ESCAPE ROOM E CHISTÍN

Na xornada de hoxe a biblioteca de Modestina tivo moito movemento: Escape Room i entrega de premios de Chistín.

En primeiro lugar visitounos Iria, unha gran profesional que nos levou ao mundo dos Escape Room. A clase de 3º e 4º tivo a oportunidade de descifrar diferentes códigos sobre o San Xoán. Fixérono ás mil marabillas para ser quen de abrir todos os candados!

Logo foi a quenda dos maiores do centro, que investigaron moito para conseguir descifrar unha receita de chocolate saudable. Por suposto, houbo que probala!!!


Ademais, o tradicional concurso de Chistín tivo a súa entrega de premios. Houbo unha gran participación e todos levaron un pequeno agasallo. Pero desta volta, os agraciados coa ansiada taza do noso dragón preferido foron Leo e Clarís (ambos de 3º e 4º), que resolveron todas as probas á perfección!





mércores, 20 de maio de 2026

CONVIVENCIA POR LETRAS GALEGAS

Para celebrar o Día das Letras Galegas fixemos unha convivencia cos centros de A Barqueira e Somozas.

Desde ben cediño pola mañá compartimos unha gran xornada. Creamos dúas alfombras florais, un maio vertical, cadros con flores e xogamos a xogos populares. Por suposto houbo tempo para compartir un bo recreo e unha merendola ben rica.

Como colofón final, o grupo de 5º e 6º ofreceu un mini concerto de frauta, tocando "Na beira do mar" e o Himno Galego, o cal acompañamos todo o mundo cantando.

Queremos felicitar á rapazada dos tres coles o seu bo comportamento e disposición para pasalo pipa!

E, como non, agradecer aos centros de O MARBÁN E A BARQUEIRA por asistir e polos regalos!



xoves, 30 de abril de 2026

DESCUBRIMOS O FONDO MARIÑO GALEGO CON 13 GRAOS

Onte tivemos a sorte de gozar dun obradoiro moi especial coa empresa 13 Graos, dedicada á exploración do fondo mariño das costas galegas. Foi unha experiencia moi interesante na que aprendemos moito sobre a riqueza natural que agochan os nosos mares.

Durante a actividade, explicáronnos as diferentes especies de animais e plantas que habitan nas costas de Galicia, descubrindo a gran biodiversidade mariña que temos tan preto. Tamén nos falaron dos perigos aos que se enfrontan actualmente os océanos, como a contaminación, o cambio climático ou a sobreexplotación dos recursos mariños.

Despois da charla, realizamos un obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas pintaron con acuarelas distintos animais do fondo mariño galego, deixando voar a súa imaxinación e creatividade.

Ademais, gozamos dunha incrible experiencia inmersiva grazas a unhas gafas de realidade aumentada, coas que puidemos facer unha viaxe virtual polo océano galego e sentirnos como auténticos exploradores mariños.

Sen dúbida, foi unha xornada educativa, divertida e moi enriquecedora que nos axudou a valorar aínda máis a importancia de coidar os nosos mares.






martes, 28 de abril de 2026

DÍA DO LIBRO 2026

Onte celebramos o Día do Libro, foi un dia moi especial e divertido. Moitas grazas a todas as familias que estiveron creando as obras de arte e gozando con nós.  



















xoves, 9 de abril de 2026

CORRENDO POLA IGUALDADE



O venres antes de irnos de vacacións, tivemos a sorte de contar cunha actividade moi especial: un contacontos da man de M de Manuela, centrado na reflexión sobre os estereotipos de xénero e na presenza do machismo na nosa realidade cotiá. A través de historias e dinámicas participativas, o alumnado puido cuestionar roles tradicionais e tomar conciencia da importancia da igualdade.
Como peche da actividade, os nenos e nenas de infantil organizaron unha “volta ao cole” correndo, nun xesto simbólico inspirado na Maratón de Boston. Esta carreira ten un significado moi especial na historia do deporte, xa que en 1967 Kathrine Switzer converteuse na primeira muller en correr oficialmente esta proba, abrindo camiño para moitas outras.