mércores, 15 de abril de 2020

EDUCACIÓN INFANTIL 15 DE ABRIL DE 2020

Bo día nenos, nenas e familias!

Hoxe propóñovos traballar con bastonciños hixiénicos (tamén se poderían substituír no seu defecto por paus depresores de madeira, anaquiños de palliñas, churros de plastilina ou aquilo semellante que teñades á man).

No caso de usar bastonciños, o primeiro que faríamos será pintalos, no meu caso empreguei rotulador e ían secando segundo ía pintando os seguintes. Eu pinteinos igual en grupos de 5, é dicir, por exemplo 5 bastonciños de rosa e verde, 5 de amarelo e azul, etc. As cores son aleatorias, pero si que é necesario que teñamos varios idénticos para unha parte da actividade. Con isto estamos potenciando de xeito especial a motricidade fina.





Feito isto o seguinte será empezar a traballar cos bastonciños, en primeiro lugar podemos escribir o noso nome, no caso dos máis pequeniños primeiros deixámoslles que o intenten escribir eles ao seu xeito e logo axudámoslles e no caso dos máis maiores, propoñémoslles escribilo en maiúsculas e minúsculas. Logo xa sería o momento de empregar os bastonciños para imitar as formas das letras. Ao principio pode custar ver como se faría isto, pero pouco a pouco van captando a idea, sendo especialmente funcional para traballar a visión espacial e lectoescritura. 


Logo podemos contar o número de letras, escribir os números debaixo de cada unha pode axudarnos.


Despois disto podemos escribir palabras sinxelas e significativas, no caso dos máis pequeniños escribiríamosllas nós e seríamos unha guía para a transcripción, remarcando a identificación das grafías e os seus sons, os de 5º poden coa nosa axudar escribila eles mesmos, guíandoos partindo dunha pronunciación esaxerada dos fonemas a partir dun debuxo e os e as de 6º xa de xeito máis autónomo, desenvolto e empregando tamén as minúsculas. Un exemplo:


E volvemos a contar as letras, igual ca no caso anterior:


Tamén traballaremos as formas xeométricas (neste caso as formas circulares non son posibles). En función do nivel do neno ou nena, poden ser eles os que creen as figuras ou facelo nós e que digan o seu nome ou o escriban (os máis maiores):


Outra posibilidade é facer series, tamén teremos en conta o nivel de desenvolvemento para escoller o número de bastonciños que poñeremos no referente a seguir, indo dende 2 para os máis pequeniños, pasando por 2-3 os medianos e xa 4 os maiores (é un exemplo):


Tamén probaremos as simetrías, isto é orientado aos nenos e nenas de 6º, pero os de 5º poden comezar a facelo e os de 4º coa nosa axuda facer un pequeno intento. Primeiro dámoslles nós a parte esquerda ou dereita feita e logo eles e elas (en función do seu nivel) deben completar a outra parte:



E como non podían faltar, imos traballar tamén coas sumas (5º, 6º) e restas (6º). O mesmo ca nos casos anteriores, a súa dificultade radicará no nivel dos alumnado e irémolo aumentando segundo as vaian realizando. É importante que segundo vaian facendo o conteo anoten o número eles e elas mesmos debaixo. O feito de facelas co apoio dos bastonciños dálle sentido a unha operación abstracta para un pensamento coma o seu, que aínda é naturalmente demasiado concreto. No caso dos máis pequeniños de 4º, poderíamos traballar o conteo de bastonciños e transcribir o número debaixo coa nosa axuda, sen facer operacións con eles.  



Como podedes ver cun material sinxelo (que na súa ausencia podemos substituír por outro que nós téñamos nas nosas casas), podemos estar traballando conteo, seriación, clasificación, formas xeométricas, as cores, lectoescritura, operacións aritméticas e un longo e un longo etcétera.

Agardo que o disfrutedes.

Un saúdiño!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Lembramos aos usuarios do blogue que para publicar un comentario hai que ter en conta que debemos utilizar un vocabulario e ortografía axeitados e sempre co debido respecto. Non se aceptarán comentarios que sexan faltas de respecto ou conteñan vocabulario indebido.