mércores, 30 de decembro de 2020

XA COMEZAMOS A IMPRIMIR EN 3D!

 Os nenos e nenas máis maiores do cole xa comezaron a facer as súas primeiras impresións en 3D, grazas á impresora deste tipo que temos no centro por formar parte de Bibliotecas Creativas. Estas tarefas están comezando a levalas a cabo na materia de Educación Plástica e quedan impresionados de como unha creación feita no ordenador pode converterse nun obxecto real. 

Cremos que pode ser un proxecto moi interesante a nivel de novas tecnoloxías, xa que nun futuro poderemos crear obxectos que podan ser útiles para o noso día a día na escola e cunha función concreta. 

Aquí tedes á nosa Alba da aula de 5º e 6º, coa rasqueta, xusto acabando de extraer o boneco que imprimiu:



martes, 29 de decembro de 2020

PLAN PROXECTA: MOBILIDADE SOSTIBLE E SEGURA



 Neste curso atípico, tamén estamos a continuar co proxecto iniciado o ano pasado sobre Educación Viaria. E por suposto, queremos contar con vós, familias, para complementar o traballo que están a levar a cabo os nenos e nenas na escola. Para iso ofrecemos unha posibilidade que pode estar interesante nestes días de Nadal para facer en familia. 

Trátase de deixar voar a nosa imaxinación para facer unha manualidade que teña que ver coa Educación Viaria: desde construír sinais con material de refugallo, como crear debuxos, murais, plastilina etc 

Sería facela e mandar a foto ou vídeo ao seguinte correo:

eduviariamoeche@gmail.com

A finais de trimestre publicaremos un vídeo con todas as vosas propostas!

Prazo aberto durante o segundo trimestre

Animádevos!!!


PLAN PROXECTA: METEOMOECHE


Como xa sabedes, este ano estamos continuando co proxecto iniciado o pasado curso sobre meteoroloxía. As alumnas/os están a traballar xa moito sobre o tema pero nos gustaría que as familias sexades parte importante do mesmo, ao igual que o curso anterior. Por iso propoñemos dúas actividades para levar a cabo durante todo o trimestre pero que plantexamos agora porque con estes días fríos e chuviosos de Nadal pode ser unha boa opción de ocupar positivamente o tempo libre en familia.

A primeira delas sería retomar o observatorio de nubes que tiñamos o curso anterior, pero nesta ocasión propoñemos que se amplie calquera fenónemo meteorolóxico que queirades compartir con nós. De cada certo tempo, co material que vaiamos recibindo realizaremos publicación onde se compartan as vosas inquedanzas. Así poderemos ver como lle dades forma as nubes para que outros acerten, comprobaremos o arco da vella desde diferentes puntos da comarca, días de saraiba ou quen sabe se neve, xeadas ou o que se vos ocorra.

As fotos que saquedes terán que mostrar o fenómeno (pode ser en vídeo tamén) e debedes envialas a meteomoeche@gmail.com

Por outra banda propoñémosvos que realicedes unha estación meteorolóxica caseira e así poidades comprobar os fenómenos que as nenas e nenos van aprendendo na escola. Para iso proporcionamos un par de enlaces onde podedes ver como se fai:

COMO CONSTRUÍR UNHA ESTACIÓN CASEIRA

Tamén podemos tomar exemplo dos nosos compis de infantil, que teñen esta na clase e que Álvaro explica o seu funcionamento:




PRAZO ABERTO DURANTE O SEGUNDO TRIMESTRE TAMÉN, ANIMÁDEVOS!!!




luns, 28 de decembro de 2020

TOMAS FALSAS "HOXE CO COVID"

 Hoxe, 28 de decembro, pode ser un bo día para ver que non todo sae ben á primeira, e por iso ensinámosvos unha serie de tomas falsas sobre a obra de teatro de 5º e 6º...

Esperamos que vos guste!


MAXIA NO NADAL

 O pasado 22, ademais do gran festival que ofreceron os nosos peques a través das redes, tamén puidemos disfrutar dun espectáculo de maxia a cargo do dúo "2 mind combined". Unha xornada chea de ilusión onde comprobamos o poder da maxia, rímonos moito coas súas bromas e ademais asistimos a un show con sombras!

Deixamos un pequeno vídeo resumo onde podedes ver como se levou a cabo a actuación do grupo e as grandes axudas que lle ofreceu o alumnado!!!



martes, 22 de decembro de 2020

FESTIVAL DE NADAL 2020

Este ano foi moi difícil todo, pero iso non nos vai impedir celebrar o tradicional festival de Nadal. Unha das datas máis sinaladas do ano no centro, a cal vivimos con moita ilusión. Non existe bicho que nos quite esa ilusión polo que presentamos o FESTIVAL DE NADAL 2020, que como poderedes comprobar será online.

COMEZAMOS COA ACTUACIÓN QUE ADOITA ABRIR ESTA GRAN FESTA... AS ALUMNAS E ALUMNOS DE INFANTIL SORPRENDERÁN CUNHA FERMOSA CANCIÓN SOBRE O RENO MÁIS COÑECIDO DE TODO O NADAL!!!


DESPOIS DESTA GRAN CANCIÓN DOS PEQUES SEGUIMOS CON 1º E 2º, QUE TEÑEN PREPARADAS NADA MÁIS E NADA MENOS QUE 3 ACTUACIÓNS!!!

A PRIMEIRA É UNHA PANXOLIÑA TITULADA "O ABETO". DENTRO VÍDEO!!!


CONTINUAMOS CON "TURRÓN E MAZAPÁN", COA QUE SEGURO MOVEREMOS O ESQUELETO!!!


PARA REMATAR ESTA TERNA VEREMOS "BONITO", UNHA ADAPTACIÓN DA COÑECIDA CANCIÓN:


TRAS ESCOITAR ÁS NENAS E NENOS DE 1º E 2º PASAMOS A VER OUTRA GRAN ESCENIFICACIÓN. O GRUPO DE 3º E 4º DELEITARANOS CUNHA FERMOSA PANXOLIÑA QUE CONTÉN UNHA MENSAXE


XA CASE CHEGANDO AO FINAL ATOPÁMONOS CUNHA OBRA DE TEATRO. COMA SEMPRE, OS MAIORES DO CENTRO SACAN AS SÚAS DOTES ARTÍSTICAS PARA, ESTE ANO, REMATAN CUNHA TRILOXÍA. VOLVEN PERSONAXES MÍTICOS DOS NOSOS FESTIVAIS COMO MARUXA E PEPE. XA SABOREASTES O TRÁILER E AQUÍ CHEGA A PELÍCULA COMPLETA DE "HOXE CO COVID"


AGORA QUE XA CANTAMOS, BAILAMOS E RIMOS MOITO TOCA IRSE DESPEDINDO CUNHA MENSAXE SORPRESA. QUENES SERÁN AS MISTERIOSAS PERSONAXES QUE NOS QUEREN DESEXAR UN BO NADAL????


POIS ISO FAMILIA, ATA AQUÍ CHEGOU A NOSA PECULIAR FESTA, ESPERAMOS QUE VOS GUSTASE MOITO E DISFRUTARADES COMO NUNCA. CONFIAMOS EN QUE O ANO PRÓXIMO POIDAMOS RETOMAR O NOSO FESTIVAL COMO É DEBIDO.

QUE TEÑADES TOD@S UN...

 BO NADAL E PRÓSPERO ANO 2021

luns, 21 de decembro de 2020

XÚPITER E SATURNO, OS XIGANTES GASEOSOS, ATÓPANSE

 Ola pequeniños e pequeniñas meteorólogos! 

Hoxe se mirades ao ceo (pena que estea nubrado) poderedes ver como os dous xigantes gaseosos do sistema solar, Xúpiter e Saturno, estarán moi moi preto. Non estaban tanto dende había 400 anos, dende o 1623. Algún dos nosos nenos xa tiña medo que se achegasen demasiado e se convertesen en meteoritos :), pero non, non contamos con que se toquen. Isto poderase ver hoxe luns e mañá martes. Non o perdades, ata o 2080 que será o seguinte achegamento...queda moito!



Pero, aínda que nós o teñamos complicado porque se esperan ceos nubrados, será retransmitido por diversos canais ciéntíficos, como por exemplo o Observatorio do Teide, aquí vos queda un enlace: 



E non nos podemos esquecer de que hoxe oficialmente, comeza o solsticio de inverno! Aínda que non coincida co refrán: "Ata o día de Nadal, non é inverno de verdade". Atrás quedou o outono e a caída das follas. Xa o decían os pequeniños e pequeniñas do cole, para que veña Papá Noel ten que nevar nos tellados. Debe ser que o seu trineo esbara mellor coa neve... 

Hoxe será a noite máis longa do ano. Isto quere decir, que de agora en diante irán mermando!

Apertas de nube



domingo, 20 de decembro de 2020

CONTO SOBRE O APALPADOR!!

        As nenas e os nenos de 1º e 2º leron o conto "Antón e o Apalpador".  

        Esperemos que vos guste!!

  




sábado, 19 de decembro de 2020

O CEIP SAN RAMÓN POLA IGUALDADE

 Os nenos e nenas do noso cole téñeno moi claro, todos e todas somos moi diferentes, pero ao mesmo tempo iguais! Así llo fixeron saber os pequeniños de infantil ao seu trasno Lamberetas e nolo aclararon cos seus lemas os máis maiores de primeiro e segundo de primaria! Bravo peques!




EDUCACIÓN INFANTIL: MÁIS SOBRE OS NOSOS PROXECTOS

 Seguimos traballando sobre o Sistema Solar. Nesta ocasión amosamos un vídeo que fixemos no ximnasio. Alí seguimos aprendendo cousas sobre o universo mediante xogos e exercicios de movemento. Se queredes aprender con nós, pulsade no vídeo!!!



xoves, 17 de decembro de 2020

TRÁILER OBRA NADAL 5º e 6º 2020

 Este ano non podía ser menos e por suposto que teredes algunha sorpresiña de cara o martes 22...

Fixémola con todas as medidas de seguridade (o cal non foi nada fácil) e aquí tedes un pequeno avance do que vai ser a terceira parte da triloxía.

Hai dous anos Históric@s contaban o que se facía no cole, para pasar o ano pasado a escenificar o que pasa na casa cando chegan... O de este ano é moito: van facer unha pequena mostra a modo humorístico do que foi e está sendo esta pandemia...

Esperemos que vos guste!!!



martes, 15 de decembro de 2020

Cambio no Menú Escolar

 Con motivo da ausencia da cociñeira, vímonos na obriga de facer novamente un cambio no menú deste mes de decembro.

Quedaría, por tanto, do seguinte xeito:

XOVES 17 de decembro: Xudías con tomate/ Raxo con pataca cocida/ Laranxa

LUNS 21 de decembro: Crema de verduras/ Tortilla con tomate natural/ Froita.

mércores, 9 de decembro de 2020

Investigando polo miúdo o Sistema Solar

 Os pequeniños e pequeniñas do cole querían informarvos dos seus avances nas investigacións "espaciais", para iso é necesario que coñezades o proceso todo que están levando a cabo, non perdades detalle. 

En primeiro lugar chegou á nosa aula unha maqueta do Sistema Solar (non foi necesario decirlles de que se trataba aquilo), os nenos e nenas dixeron que fora o trasno Lamberetas quen a deixara alí, pero non o temos de todo claro. 


Decidimos que non podíamos estar sen saber quen era quen e dispuxémonos a poñerlles nome a cada planeta, o asunto quedou tal que así (se facedes clic nas fotos podedes velas máis de preto):


Logo, para comezar a traballar sobre o tema fixemos unha choiva de ideas entre todos, para ver o que sabíamos e o que necesitabamos saber, podedes ler as ideas tan interesantes que sairon na seguinte imaxe: 



A partir de aí comezamos a traballar a ordinalidade vendo que planeta era o primeiro despois do sol ata chegar ao oitavo, facendo tamén clasificacións dos diferentes corpos en planetas, estrelas cometas, etc; comparacións entre as súas cores, tamaños, formas e tamén pola súa gravidade, esa palabra tan estraña que nos fixo decatarnos de que na lúa podemos saltar moito máis ca na terra, intentámolo varias veces, pero aquí non eramos quen de saltar máis alto. E por suposto, a lectoescritura, que nomes tan raros teñen as lúas de Marte! Sen esquecernos do inglés: aprendimos os seus nomes nesta lingua! Somos uns expertos e expertas!

Creamos tamén unha pequeniña biblioteca sobre o sistema solar que, partindo das medidas e coidados sanitarios actuais, podemos consultar de vez en cando:


Ata as máscaras comezaron a vir tematizadas, mirade a de Alexis, que nos trouxo a Saturno nela: 



E Lamberetas tamén quixo que puidésemos andar sobre o Sistema Solar: trouxonos unhas pegatinas para pegar no chan que brilan na escuridade e tivemos que medir para colocalas, diferencialas, organizar quendas e pegalas. Mirade: 





A partir de aquí comezástedes tamén vós as familias a botarnos unha man. Primeiro Asier amosounos unhas imaxes que sacou co seu papá este verán, para iso explicounos que empregaron un "telescopio" e observamos a lúa cos seus cráteres. Había tamén fotos verdes, para que se puidesen ver mellor eses buratos. Isto serviunos tamén para ver as fases da lúa, comparalas, escribir os seus nomes, etc. Gracias Asier polas túas xeniais explicacións!


Logo Martín quixo contarnos cousiñas do seu planeta favorito, Mercurio (con M de Martín), para o que fixo unha exposición das súas características cun traballiño que fixo coa súa familia. Incidiu moito en que era o máis veloz e realizaba o camiño máis curto de tódolos planetas! Gracias Martín!



Paula trouxo a Xúpiter e a terra que elaborou con seu irmán. Contounos que era o planeta máis grande e que lle habían colgado unha nave espacial (da NASA). Gracias Paula (debemos decir que Xúpiter é dos nosos favoritos, é tan grande!).




E Teo amosounos un conto moi completo sobre o espacio que aínda estamos disfrutando. Gracias por explicarnos o que ese libro contén Teo! Serviunos para aprender sobre a Estación Espacial, o Sol, os cometas, a creación do Sistema Solar, infinidade de aspectos!



Para completar a información tamén vimos uns vídeos dos Históricos en Youtube, elaborados polos maiores do cole! Eles tamén nos deixaron un aparello para entender e ver iso da rotación e a traslación (que nos está axudando a entender o motivo polo que imos cambiar do outono ó inverno), que colocamos na nosa exposición do espazo que podedes ver a continuación! Aí están tódalas vosas aportacións (e as que están por vir e estamos por crear). 



As investigacións continúan, aínda temos moito por aprender e descubrir e é unha temática que nos está motivando moito! Sodes xeniais pequenos e pequenas! Gracias!



ACTUALIDADE MODESTINA NÚMERO 16

 Novo número do xornal elaborado polo alumnado de 5º e 6º



martes, 8 de decembro de 2020

Publicación da listaxe definitiva de solicitudes admitidas para o reparto de máscaras

 No enlace inferior podedes consultar como será o reparto definitivo de máscaras entre o alumnado

En breve, entregaranse no centro as máscaras ao alumnado ao que lle corresponde.

LISTAXE DEFINITIVA. REPARTO DE MÁSCARAS

No enlace inferior podedes consultar o listado provisional de solicitudes admitidas para o reparto de máscaras. Hai un prazo de dous días a partir desta publicación para presentar reclamacións ou enmendas.

LISTAXE PROVISIONAL REPARTO DE MÁSCARAS 

 

Xúntase a Orde do 6 de novembro de 2020 pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes públicos dependentes desta consellería e en centros privados concertados no curso 2020/21 (código de procedemento ED330E).

Orde 6 de novembro

ANEXO I

luns, 7 de decembro de 2020

GUÍA NADAL 2020

 Como estamos a escribir as cartas para os agasallos de Nadal, mirade a guía e pedide algún presente en papel... Diversión asegurada!!

Podedes elexir o que máis guste, non ten que ser por idades... A lectura é para todas os públicos!!

Animádevos!! 






mércores, 2 de decembro de 2020

PROXECTOS DE CENTRO DO CURSO 2020-21

 


Queremos dar unha boa nova a todas e todos. Este ano, pese a que temos certas dificultades para levar a cabo determinados traballos, queremos anunciar que ESTAMOS ADMITIDOS nos seguintes proxectos de centro:

- Un ano máis seguiremos lucindo o selo da Biblioteca escolar, e é que Modestina e moita Modestina, e a súa gran laboura ao frente da biblioteca, codo con codo coa coordinadora da biblioteca conseguiron que este ano poidamos seguir dicindo que estamos nos programas de: Plan de mellora de Bibliotecas escolares galegas, programa de Bibliotecas solidarias, Bibliotecas Creativas e voluntariado. Ditos programas son moi importantes, pois non todos os centros son capaces de levalos a cabo a nivel de ter un selo a razón diso. A biblioteca en Moeche non é só un punto de lectura, senón un piar fundamental e, na maioría do casos fonte de inspiración de todos os proxectos e actividades da escola, que repercuten notablemente na aprendizaxe do noso alumnado.

- Por segundo ano seremos un dos centros escollidos para Digicraft: un programa que pretende formar ás nenas e nenos na competencia dixital a través dunha metodoloxía innovadora e chea de aprendizaxes significativas. Realidade virtual e aumentada, control de tabletas, creación de videoxogo educativo, electrónica... son algunhas das actividade que realizaremos. Un paso firme para o desenvolvemento de habilidades dixitais. A través deste proxecto o centro recibe unha importante fonte de recursos materiais para traballar co alumnado.

- Tamén por segundo ano iremos adiante co Programa de Formación do Profesorado "Introducción á robótica". As profes continuaremos a tope na nosa formación no eido dos robots, seguiremos montando co alumnado pequenos amiguetes que nos axudarán a acadar os obxectivos do currículo dun xeito moi lúdico e motivador. Neste programa tamén recibimos unha gran cantidade de dispositivos para que o alumnado manexe e programe.

- Plan Proxecta da Consellería de Educación. Presentación a renovación de dous dos nosos proxectos do curso pasado e foron ambas aprobadas. Un deles estará centrado na Educación Viaria e o outro na meteoroloxía. Ambos serán un claro reforzo para o traballo de todas as competencias clave a adquirir nas etapas de infantil e primaria. Ámbolos dous proxectos versan sobre situacións que as nenas e nenos ven e viven día a día.

- Estreámonos no Clube de Letras. Este ano ten como piar fundamental o coidado. A través de dita temática pretenderemos que o alumnado fomente a reflexión, a lectura crític e a achega de novos materiais e perspectivas, aboradados de xeito transversal. Ao igual que os anteriores, contaremos con orzamentos que destinan aos centro seleccionados neste tipo de programas de innovación educativa.


Agora que xa é todo oficial, só nos queda seguir traballando e agradecervos ás familias todo o traballo que levades anos facendo para facer medrar este pequeno centro a base de xuntar esforzos para conseguir pequenos grandes logros... Xuntos facemos escola!

TEMOS UNHA NOVA AMIGA NO COLEXIO




 Pois si, temos unha nova amiga no colexio, poderíamos dicir case que é unha alumna máis (incluso ten o súa propia foto na asemblea de infantil). Estes días, o centro adquiriu unha serie de robots intelixentes (un por aula), dentro do programa de Bibliotecas Creativas, para traballar co alumnado.

Resulta complicado este curso interaccionar unhas clases con outras, pero con estes aparatos podemos chamarnos dunha clase a outra para vernos e compartir momentos ou historias xuntos, coma hai uns meses.

É tan fácil como "Alexa, llama a infantil" e xa nos vemos e falamos un pouco. Da mesma maneira aproveitámola para moitas cousas: válenos de tradutor, para que nos poña a pensar cálculos ou pequenos problemas matemáticos, conta contos e canta cancións, incluso nos resolve dúbidas como diferencias de temperatura e fusos horarios para aprender un pouco máis sobre os proxectos do centro.

Tamén hai que dicir que nos acompaña en tempos de lecer, pois xa nos vai coñecendo e simplemente podemos indicarlle que nos poña música para que na clase dos máis peques soen temas sobre números ou cores por exemplo, ou os grandes éxitos do momento para que os/as maiores realicen exercicios de quencemento polas mañás e así rendir mellor despois.

Seguimos optimizando as nosas aulas coas mellores tecnoloxías dentro das nosas posibilidades, un paso máis cara á adquisición da tan importante competencia dixital do noso alumnado, introducíndonos tamén a unha alfabetización dixital desde idades temperás. 

Estade atentos/as xa que en breves recibiredes noticias sobre os novos proxectos deste ano!