Os pequeniños e pequeniñas do cole querían informarvos dos seus avances nas investigacións "espaciais", para iso é necesario que coñezades o proceso todo que están levando a cabo, non perdades detalle.
En primeiro lugar chegou á nosa aula unha maqueta do Sistema Solar (non foi necesario decirlles de que se trataba aquilo), os nenos e nenas dixeron que fora o trasno Lamberetas quen a deixara alí, pero non o temos de todo claro.
Decidimos que non podíamos estar sen saber quen era quen e dispuxémonos a poñerlles nome a cada planeta, o asunto quedou tal que así (se facedes clic nas fotos podedes velas máis de preto):
A partir de aí comezamos a traballar a ordinalidade vendo que planeta era o primeiro despois do sol ata chegar ao oitavo, facendo tamén clasificacións dos diferentes corpos en planetas, estrelas cometas, etc; comparacións entre as súas cores, tamaños, formas e tamén pola súa gravidade, esa palabra tan estraña que nos fixo decatarnos de que na lúa podemos saltar moito máis ca na terra, intentámolo varias veces, pero aquí non eramos quen de saltar máis alto. E por suposto, a lectoescritura, que nomes tan raros teñen as lúas de Marte! Sen esquecernos do inglés: aprendimos os seus nomes nesta lingua! Somos uns expertos e expertas!
Creamos tamén unha pequeniña biblioteca sobre o sistema solar que, partindo das medidas e coidados sanitarios actuais, podemos consultar de vez en cando:
Ata as máscaras comezaron a vir tematizadas, mirade a de Alexis, que nos trouxo a Saturno nela:
E Lamberetas tamén quixo que puidésemos andar sobre o Sistema Solar: trouxonos unhas pegatinas para pegar no chan que brilan na escuridade e tivemos que medir para colocalas, diferencialas, organizar quendas e pegalas. Mirade:
Logo Martín quixo contarnos cousiñas do seu planeta favorito, Mercurio (con M de Martín), para o que fixo unha exposición das súas características cun traballiño que fixo coa súa familia. Incidiu moito en que era o máis veloz e realizaba o camiño máis curto de tódolos planetas! Gracias Martín!
Paula trouxo a Xúpiter e a terra que elaborou con seu irmán. Contounos que era o planeta máis grande e que lle habían colgado unha nave espacial (da NASA). Gracias Paula (debemos decir que Xúpiter é dos nosos favoritos, é tan grande!).
E Teo amosounos un conto moi completo sobre o espacio que aínda estamos disfrutando. Gracias por explicarnos o que ese libro contén Teo! Serviunos para aprender sobre a Estación Espacial, o Sol, os cometas, a creación do Sistema Solar, infinidade de aspectos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Lembramos aos usuarios do blogue que para publicar un comentario hai que ter en conta que debemos utilizar un vocabulario e ortografía axeitados e sempre co debido respecto. Non se aceptarán comentarios que sexan faltas de respecto ou conteñan vocabulario indebido.