mércores, 18 de marzo de 2026

AUDIOCONTOS LINGUA GALEGA



Na materia de Lingua Galega estivemos a traballar os contos. Ademais de redactalos, tamén quixemos gravalos en audio para que todo o mundo os poida escoitar.

Deixamos enlace ao programa deste curso da nosa canle de Radio 23, onde os podedes escoitar. Iso e moitos podcast máis!


RADIO 23 CURSO 25-26

luns, 16 de marzo de 2026

CROS AS PONTES




Un ano máis participamos con XOGADE na modalidade de Cros. De novo, tocaba visitar As Pontes para correr unha pequena distancia con nenas e nenos doutros centros da comarca.

A xornada desenvolveuse cun ambiente moi bo e un traballo duro por parte dos nosos/as no campo a través. Felicitar a todo o alumnado, pois todos/as completaron a carreira sen grandes dificultades, salientando a clasificación para a seguinte rolda de Leo e Gael, que seguro deixarán o pavillón modestino ben alto na fase intercomarcal!

Deixamos algunha fotiño desta deportiva mañá:

FOTOS


xoves, 12 de marzo de 2026

CONTACONTO CON MIGALLAS

Hoxe tivemos no colexio unha sesión moi especial de contacontos da compañía de teatro Migallas Teatro. Foi unha mañá moi divertida na que todo o alumnado, profesorado e familias participamos con moita atención e entusiasmo. As historias, cheas de ritmo e humor, fixeron que todos e todas pasásemos un rato moi agradable.

Como sempre,  Migallas non defrauda e conseguiu que gozásemos moito desta actividade tan especial. Agardamos poder volver gozar pronto doutra das súas actuacións! 

mércores, 11 de marzo de 2026

RCP NA AULA


HUGO XA É UN CHICO MAIOR E SABE PERFECTAMENTE CAL É O NÚMERO DE EMERXENCIAS, QUEREDES SABER POR QUE?

Durante estas dúas semanas, as clase de EF foron algo especiais. Dentro dos contidos curriculares toca traballar a saúde. O primeiros auxilios son un tema de vital importancia e, no noso centro, consideramos fundamental traballalos desde os 3 anos.

Grazas ao material cedido polo CFR de Ferrol levamos a cabo unhas interesantes sesións onde aprendemos a:

  • Valorar se unha persoa está consciente ou non.
  • Determinar se respira.
  • Chamar ao 112 pedindo axuda.
Estas tres cousas témolas dominadas dende infantil. En 1º e 2º, ademais, aprendemos e practicamos moito todo o anterior e:

  • Colocar unha vítima en posición lateral de seguridade.
  • Técnica de RCP.
  • Actuar ante un atragoamento.
De 3º en adiante profundizamos algo máis e traballamos:

  • DESA: activalo e poñelo en práctica. Da mesma maneira comprobamos como saber onde temos o máis cercano coa app do SERGAS.
  • Protocolo COMPLETO de Soporte Vital Básico.
Por suposto, as profes tamén nos formamos neste ámbito, para ter todos os coñecementos e ogallá non ter que usalos nunca.

Seguiremos ano tras ano incidindo nun tema tan importante como este. Deixamos algunha fotiño do ben que o fixo a rapazada!






martes, 10 de marzo de 2026

CONSUMO RESPONSABLE

O pasado venres tivemos a oportunidade de contar no cole co Instituto Galego de Consumo. Da man de Paula aprendemos sobre produtos, obrigas e dereitos que temos os consumidores.

Ademais fixemos un xogo para comprobar as nosas aprendizaxes.

Grazas Paula!





domingo, 1 de marzo de 2026

DÍA DE ROSALÍA

O pasado 23 de febreiro celebramos no cole o Día de Rosalía de Castro.

Na biblioteca do centro puidemos desfrutar dunha sesión moi especial, "Poesía con moito conto", da man de Marisa, actividade que nos traslada o Concello de Moeche.

Ademais, durante días previos, o alumnado estivo traballando acerca da figura máis representativa da nosa lingua. Aquí vos deixamos unha mostra:

  • Vídeo poema "Negra sombra"
  • Podcasts na Radio 23