venres, 30 de abril de 2021

DÍA DO LIBRO 2021

 A semana do 23 de abril en Moeche xa é especial de por si, pois é o noso festivo local. Pero aínda é máis especial se cabe xa que celebramos diferentes actividades polo Día do Libro:

- En primeiro lugar fixemos o tradicional Apadriñamento Lector. Este ano tivémolo que adaptar un pouquiño polas circunstancias especiais que estamos a vivir, pero iso non lle quitou a maxia que sempre tivo esta actividade. Así pois, este ano os maiores do cole ían a ser as encargadas/os de crear esta sorpresa. Coa axuda de Modestina, coláronse na biblioteca para escoller un a un contos para o resto das nenas e nenos do cole. Cada un dos padriños/madriñas tiña nada máis e nada menos que 3 afillad@s!!! Por suposto, cada libro ía acompañado dun pequeno agasallo. As clases foron pasando pola biblio e...sorpresa!!!




Cada alumno/a levou para casa a obra escollida polo seu padriño/madriña e, como "é de ben nacido ser agradecido", houbo sorpresa de volta!!!





Da mesma maneira, houbo un día que recibimos unha visita moi especial na biblioteca: "Cuéntamelo con música" achegábase a Moeche para facer un espectacular contacontos onde, a través dunha viaxe moi divertida pola historia, comprendemos as diferentes maneiras de escritura que existiron dende a prehistoria ata hoxe. Un montón de experimentos, contos e risas que fixeron que a nosa biblioteca se volvese a encher de maxia. Por suposto, acudimos por grupos estables e respectando en todo momento as medidas establecidas no protocolo COVID. Deixamos un pequeno vídeo coas fotos que resumen esta actividade:


Por último, pero non menos importante, a autora Andrea Maceiras visitounos virtualmente para falar un pouco sobre a súa obra "Conta nove estrelas" que o grupo de 5º e 6º estivo a ler na súa aula. Fixémoslle unha cantidade enorme de preguntas para coñecer un pouco máis sobre a súa faceta como autora e tamén para comprender un pouco máis sobre Quepi, Udai e outros personaxes da Galaxia Oma. Mil grazas Andrea por pasar este agradable anaco con nós!






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Lembramos aos usuarios do blogue que para publicar un comentario hai que ter en conta que debemos utilizar un vocabulario e ortografía axeitados e sempre co debido respecto. Non se aceptarán comentarios que sexan faltas de respecto ou conteñan vocabulario indebido.