venres, 28 de outubro de 2022

SAMAÍN E MAGOSTO 2022




Hoxe era un día especial. Hoxe volvíamos a celebrar tod@s xunt@s. Hoxe tocaba volver á normalidade.

A festa do Samaín e Magosto sempre foi moi divertida no San Ramón e este ano non ía ser menos. O alumnado e profesorado xa levaba días no centro celebrando actividades e decorando clases, pero hoxe decidimos ter unha xornada especial.

A mañá prometía cando as nenas e nenos xa baixaban dos autobuses cos seus disfraces súper orixinais. Xa na clase tocaba organizar todo: montar mesas, facer os cucuruchos e repartir grupos para unha xincana moi especial: o xogo castaña e a culler, o morcego do revés, cabaciña por detrás e un pedazo concurso de estatuas de baile terrorífico servía para facer un oco ao estómago. Un oco para as castañas que nos esperaban ben quentiñas, cun pouco de leite que sempre entra xenial.

Cos bandullos cheos recibimos as familias que, unha vez máis cumpriron con nota na decoración de cabazas cos seus fillos/as (incluso desde a casa!). Puidemos ver verdadeiras obras de arte, pero un xurado moi esixente elixiu como gañadoras a Candela, Noa Fraga, Adrián Picos e Carolina.






A festa non remtaba aquí, pois un grupo de alumnas de 5º, encargadas de xestionar a ludoteca do cole, inventaron un concurso de debuxo entre o alumnado e profesorado que tivo gran acollida. Entre os alumos destacaron as obras de Martín Muíño e Paula en infantil, Álvaro e Ánder en 1º e 2º, a clase de 3º e 4º como grupo conxunto e Anxo na clase dos maiores. No tocante aos profes a gañadora foi a nosa teacher Alba cunha obra de arte que "encheu de cor" o fin da xornada.


Moitas grazas a toda a comunidade educativa por participar e facer desta escola unha gran familia!!!

Deixamos as fotos realizadas nesta mañá...

FOTOS


mércores, 26 de outubro de 2022

24 de OUTUBRO - Día das Bibliotecas Escolares

O pasado luns 24 de outubro, no CEIP San Ramón, celebramos o día das Bibliotecas Escolares. 

O alumnado dos primeiros ciclos aprendeu sobre as diferentes e curiosas bibliotecas que existen en diferentes países e, despois, debuxaron a súa proposta de biblioteca "Biblioteca particular". Saíron bibliotecas realmente creativas! 


Aproveitamos tamén para leres algúns dos nosos contos favoritos:



Por outra banda, o alumnado de 3º a 6º de Primaria foi de excursión ao Concello de Moeche, en especial, á súa biblioteca. Alí, desfrutaron dunha actividade chamada "ConCiencia de Muller", na que Patricia amosoulles as mulleres galegas máis destacadas coas investigacións que están a realizares. Ademais, o alumnado tivo a oportunidade de facer varios experimentos: o da auga que non cae do vaso, o ovo que se funde na auga pero que flota en auga con sal, etc.




 Aprenderon moito e pasárono xenial!







CONCURSO DE DEBUXO!!!

Pero non un concurso calquera, senón un concurso organizado por un grupo de nenas!!! 

Pois si, este ano temos un grupo de alumnas que se encargan de levar a ludoteca (e non vexades o bonita que a teñen), e entre outras moitas ideas ocorréuselles facer un concurso de debuxo para o Samaín. Pero mellor que non volo contemos nós e o vexades nos seus carteis:




Como xa vedes hai para todos/as... incluso as profes que temos carácter obrigatorio!!!

Xa están a chegar os primeiros debuxos...




Por suposto, todo o alumnado do colexio foi avisado en persoa polas organizadoras, que asegurna haberá premios para os participantes. Iso si, o resultados será anunciado o venres na gran festa de Samaín!










luns, 17 de outubro de 2022

MODIFICACIÓN DO MENÚ ESCOLAR 18 DE OUTUBRO

Debido a ausencia do cociñeiro, o menú do martes 18 de outubro verase modificado.

1º prato: pizza de xamón, champiñóns, tomate e queixo.

Sobremesa: Brownie e froita

Desculpade as molestias.

sábado, 15 de outubro de 2022

MODIFICACIÓN DO MENÚ ESCOLAR

 Debido a ausencia do cociñeiro, o menú do luns 17 de outubro verase modificado:

1º prato: Empanada vexetal

2º prato: Musliños de polo ao forno con patacas asadas

Sobremesa: Laranxa

venres, 14 de outubro de 2022

VISITA FENDETESTAS

Un ano máis, e como xa vén sendo tradición, recibimos a visita do Clube de Rugbi Fendetestas de As Pontes. Viñeron para darnos a coñecer un pouco máis este deporte e ensinarnos os aspectos clave para pode iniciarnos. Coma sempre, unha labor maginífica, que neste caso de encargaron Carmen e Carla, as cales queremos darlles as grazas por estas xornadas tan chulas que nos fixeron pasar. Deixamos un vídeo resumo!!!



CANLE YOUTUBE HISTÓRIC@S 7.0

Un ano máis, os maiores do cole terán unha canle Youtube onde subirán actividades que realizan, exposicións de traballos... 

Tan só tedes que seguilos en Youtube (historicosmoeche) e así poderedes ver todas as súas producións.

Deixamos o vídeo da presentación!



xoves, 6 de outubro de 2022

CHARLA CIBERSEGURIDADE

Hoxe tivemos a oportunidade de ter no centro a Quique, Antón e Carlos, de "Polo correo do vento" que nos viñeron a falar de ciberseguridade. Foi dun xeito especial, pois combinaron música, ilustración e contacontos para facer ver á rapazada da importancia dun bo comportamento nas redes. E como colofón final ensináronnos a facer unha caricatura moi relacionada co tema. Moitas grazas!






mércores, 5 de outubro de 2022

KICK BOXING NA ESCOLA

Un ano máis puidemos contar no cole con Jose e Jose, do Clube de Kick Boxing de Moeche, para facer unha sesión na cal achegaron aspectos básicos deste deporte aos nosos alumnos e alumnas de 3º a 6º de primaria. Queremos darlles as grazas xa que o pasamos xenial e penso que algún/ha quedou con ganas de apuntarse. Deixamos un pequeno vídeo resumo da actividade!

martes, 4 de outubro de 2022

A RADIO 23 INICIA UN CURSO NOVO

Pois si, estamos de volta!

A Radio 23 acolleu a semana pasada ao primeiro grupo de alumnos/as para gravar un programa. Nesta ocasión decidiron dar unha benvida ao novo curso indicando que actividades pretendemos facer neste novo ano.

Esperamos sexa o primeiro de moitos!!!





luns, 3 de outubro de 2022

CONTACONTOS "A CEBRA CAMILA"


Algo que botábamos moito de menos durante os pasados cursos era xuntarnos de novo todos para facer actividades en conxunto. Así foi que cando Modestina non preguntou por unha actividade para facer na biblioteca non dubidamos. Que volvan os contacontos de maiores a pequenos/as!!!

Un grupo de 5 alumnos/as de 5º e 6º (Anxo, Lola, Gabriel, Álex e María) decidiu preparar un contacontos sobre a lectura "A cebra Camila", de Marisa Núñez. Puxéronse mans á obra e alá que foron cara a biblioteca co seu atril, unha cebra con montón de velcros para poñer e quitar as prendas que "o vento bandido" lle esfarrapaba a protagonista. Con todo listo só faltaban por chegar as pequenas e pequenos de infantil que foron o público que desfrutou desta lectura.

E non acabou todo aí, senón que logo houbo unha quenda de preguntas para ver se estiveran atentos/as, e por suposto que acertaron case todas!

Esperemos que sexa o primeiro de moitos neste curso. Deixamos algunha fotiño da actividade: