sábado, 30 de novembro de 2019

NOVO VÍDEO NA CANLE DOS HISTÓRIC@S! 4.0

Desta vez tocaba traballar Lengua Castellana, en concreto saber que era unha hipérbole. O grupo de 5º, que é moi divertido, pensou que unha boa maneira de facelo era traballalas mediante chistes inventados. Así que aquí tedes unha nova rolda de chistes de hipérboles!!!


xoves, 28 de novembro de 2019

SAÍMOS EN PRENSA

A pasada semana, no Comarcal da Voz de Galicia saía unha pequena nova sobre o noso traballo. ESta edición non sae en dixital, polo que deixamos por aquí unha copia para aquelas/es que non puidestes ver o xornal.


mércores, 27 de novembro de 2019

EXCURSIÓN A VIGO






Como xa sabedes, fomos premiados no concurdo de patrimonio inmaterial de Ponte nas Ondas. Tivemos que recollelo o pasado luns en Vigo. E, de paso de estábamos alí...

Fixemos unha pedazo excursión!!!

O día pintaba ben cando, despois de recoller o noso galardón, chegou "Cé Orquesta Pantasma" para poñernos a cantar e bailar a tod@s. Acto seguido fomos repoñer forzas coa comida que traíamos da casa xa que a tarde semellaba atarefada: viaxe en barco ata Cangas do Morrazo, patinaxe sobre xeo e vimos as luces de Nadal!!!

Pasámolo en grande, aquí deixamos algunha foto...

FOTOS

25-N

O pasado martes fixemos a conclusión dun traballo que levamos varios días facendo, varias propostas cun fin en común: poñer fin á violencia de xénero e traballar en igualdade.
Para iso comezamos realizando a unidade didáctica que nos ofreceron desde a FANPA de Ferrolterra, actividades que realizamos na clase e nun muro conxunto que realizamos no cole para mostrar diferentes palabras que para o alumnado significan aspectos positivos para loitar contra esta lacra.


Por outra banda, un ano máis participamos no concuro de lemas elaborado polo Concello de Moeche. Participaron os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º e temos que dicir que o nivel foi moi alto. Absolutamente todas as propostas foron moi crítica e cun gran sentido, pero o xurado decidiu que foran Beatriz Ferreira Semedo, Nuria Pazos Fernández e Tomás González Yáñez os tres  mellores.
Asemade temos que agradecer ao Concello que agasallara a todas as nenas e nenos con diplomas, mandil e pulseira cos diferentes distintivos en contra das violencias. Igualmente o darnos a oportunidade de disfrutar dunhas interesantes actividades con monitoras, as cales nos fixeron ver diferentes puntos de vista sobre como se atopa esta realidade na nosa sociedade.

FOTOS

xoves, 21 de novembro de 2019

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA USADA E CALZADO



Como xa vimos facendo dende hai anos, comezamos coa 1ª campaña de recollida de roupa usada e calzado a favor da Fundación Glorr.
A recollida comeza hoxe e estará aberto o prazo ata o día 10 de decembro.
Contamos coa vosa colaboración coma sempre donde non só é importante o material recollido para reutilizar, senón que tamén reviste gran importancia os valores de solidariedade e axuda que transmitimos aos nosos alumnos e alumnas con este tipo de actuacións.





mércores, 20 de novembro de 2019

DÍA DA INFANCIA

Hoxe, 20 de novembro, celebramos o Día da Infancia. Se ben é un tema no cal traballamos a diario a través do programa de Bibliotecas Solidarias,hoxe fixemos un especial fincapé.
Para iso acudimos convidados ao Concello de Moeche para asistir a un pleno infantil onde nos esperaban a rapazada do CLIA para contarnos o que fan polo ben de todos, ensinarnos algunhas das súas propostas e intencións de cara á súa asistencia ao Parlamento do vindeiro venres e inlcuso a nosa compañeira Emilly deleitounos cunhas verbas de Rosalía de Castro.
Aproveitamos a ocasión para facerlle entrega á vicepresidenta do consello, Leticia, dunha serie de peticións que o alumnado do centro tiña para facerlles aos membros de dito grupo para que valoren a posibilidade de incluilas no seu programa de traballo...

Moitas grazas de novo ao Concello por convidarnos a esta cita.







COMPOSTAXE

Hoxe iniciámonos nunha labor importante para as nosas vidas: a compostaxe no centro escolar. Se ben sabemos que é esencial o cumprimento das 3R (reciclar, reducir e reutilizar) tamén vemos necesario a labor da compostaxe.
Será unha actividade que levaremos a cabo durante todo o ano e na que hoxe tomamos contacto da man dun especialista na materia, David. Este acodeu ao centro e explicounos que era a compostaxe, os seus beneficios e incluso deunos tempo para facer unha manualidade dun "boneco" ao cal lle saíran uns peliños... (un tarro con sementes personalizado).
Grazas David por achegarnos os teus coñecementos e prometemos utilizar o composteiro de xeito eficiente.





mércores, 13 de novembro de 2019

CHARLAS NO NOSO CENTRO

Durante estas semanas tivemos a oportunidade de recibir no centro dúas interesantes charlas. Cando vén xente de fóra abrimos ben os ollos e sintonizamos as nosas orelliñas xa que é unha oportunidade de aprender cousas novas. Nesta ocasión...

Disfrutamos dunha conversa cun home que fixo o Camiño de Santiago ata en 6 ocasións!!! Contounos a súa experiencia e nós preguntámoslles moreas de cuestións...



Por outra banda, este martes, Andrés, papá de Emilly, asistiu á nosa biblioteca co seu compañeiro Camilo para dar a coñecer a súa importante labor, pois son técnicos sanitarios. Acudiron coa ambulancia e todo!
En primeiro lugar déronnos unha charla para coñecer mellor como debemos actuar ante determinados riscos, incluso practicamos algunha manobra como o RCP, cabe destacar que o fixemos moi ben! É importante que os nenos, dende moi pequenos, sexan coñecedores deste tipo de práctica, así que estivemos suuuuper atent@s!!!
Ao final, como nos portamos xenial, Andrés ensinounos a ambulancia por dentro, dándonos unha fabulosa explicación de que aparatos se utilizan nas urxencias.

Desde aquí queremos agradecerlle a súa colaboración e bo trato cos nosos rapaces. Pasámolo pipa a aprendimos leccións vitais.


martes, 12 de novembro de 2019

ACTUALIDADE MODESTINA NÚMERO 7 (novembro 2019)

Xa temos novo número do noso xornal, levamos xa 7 edicións do mesmo e esperamos que sexan moitos máis!!! Coma sempre, podedes velo nun mural do corredor do centro e aquí de forma dixital...


CANLE YOUTUBE HISTÓRIC@S 4.0

Pois si, xa está aquí de novo a canle de Youtube máis divertida de toda a volta...

Os/as Históricas/os 4.0 queren presentarse nun vídeo editado e gravado totalmente polos nenos e nenas. Na canle pretendemos dar a coñecer os nosos traballos a toda a comunidade para que outros rapaces e rapazas poidan aprender das nosas exposicións. Ademais vale tamén para praticar exposicións orais, perder ese medo a falar en público e realizar diferentes traballos de investigación.

Xa sabes, se queredes aprender con nós, subscríbete á canle e recibirás notificacións de novos vídeos!!!


sábado, 9 de novembro de 2019

BOAS NOVAS

Seguimos con boas novas para este curso. Levamos xa uns anos traballando en diferentes proxectos para ofrecer unha educación de calidade aos vosos/as pequenos/as.
Por elo, o claustro do centro seguimos formándonos día a día e presentando diferentes proxectos de innovación educativa que mellorarán o proceso de ensinanza - aprendizaxe modestino.

En primeiro lugar queremos anunciar algunhas das participacións que levaremos a cabo este curso:

- Renovamos un ano máis a nosa biblioteca como centro PLAMBE, o cal nos permite estar dentro da rede de bibliotecas da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, potenciando a lectura e levando a cabo diferentes actividades que enriquecerán o poder que teñen os libros como elemento de aprendizaxe e alfabetización.
- Por segundo ano tamén estaremos inmersos no proxecto de Bibliotecas Creativas da Xunta de Galicia, centrado un ano máis na implantación de aspectos innovadores como a robótica para o traballo das capacidades no alumnado. Dentro deste proxecto seremos dotados dunha impresora 3D, coa cal poderemos realizar grandes traballos co alumnado.
- Seguiremos tamén dentro do programa Bibliotecas Solidarias, mediante o cal obtivemos o selo de Biblioteca Escolar Solidaria polo traballo feito o curso pasado (nada fácil xa que poucos centros posúen este galardón). A través deste programa traballaremos coa nosa biblioteca como medio de compensación das desigualdades fomentando o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar.
- Temos tamén o pracer de comunicarvos que somos centro seleccionado para o programa "Digicraft en tu cole" no marco do Plan Digitalent, que potenciará a educación dixital do noso alumnado, tan importante nos tempos de corren. É unha honra para nós participar neste grupo selecto de centros que poden participar deste proxecto, xa que tan só unha pequena escolla de centros escolares galegos foron seleccionados para dito programa. Isto conleva, ademais, unha dotación de material tecnolóxico (12 tablets e equipamento de realidade virtual e aumentada aplicada ao ensino) para o colexio que os nenos e nenas poderán usar para mellorar a competencia dixital.
- Da mesma maneira fomos admitidos no Plan Proxecta en dúas modalidades:
A primeira delas é un proxecto de meteoroloxía. Coa nova adquisición dunha estación metereolóxica, recentemente instalada polo operarios do concello, traballaremos con rexistros reais e os nenos e nenas poderán ver in situ as diferentes características dos fenómenos metereolóxicos e os aparellos que miden os mesmos. Neste programa será vital a colaboración con Meteogalicia, que nos proporcionará información e recursos para levalo a cabo.
A segunda sería un plan de mobilidade sostible. A través da Educación Viaria, sobre a cal levamos dous anos profundizando como proxecto anual de centro, realizaremos unha educación na prevención de riscos e accidentes, desenvolvemento sostible e coñecemento da sinaléctica na nosa contorna, incidindo nos camiños escolares seguros e as posibilidades que nos ofrece a nosa contorna para coñecer as sinais de tráfico.
- De novo, por segundo ano, solicitaremos unha renovación dos "Contratos Programa" (apartado de mellora de competencias clave), que de seguro axudará ao alumnado a desenvolver as súas capacidades. Trátase de establecer liñas de actuación docente que poremos en práctica cos nosos grupos para fomentar un aumento de adquisición das competencias matemática, lingüística e de ciencia e tecnoloxía. Este programa conleva unha dotación económica acorde cos obxectivos plantexados/consecución en base a uns indicadores dos mesmos.
- Cómpre destacar tamén que o profesorado estaremos este ano inmersos dentro de dous Proxectos de Formación Permanente do Profesorado (PFPP). Un novo sobre a Robótica e renovamos por segundo ano outro sobre Edixgal, que xa leva un curso funcionando no centro. Ámbolos dous serán vitales para que o colexio siga camiñando dentro da innovación educativa e a adaptación dos escolares no mundo tecnolóxico ao que se enfrentarán nun futuro. Asemade, a totalidade do claustro atópase realizando pequenos cursos e xornadas de formación no seu tempo de lecer para intentar ofrecer unha ensinanza de calidade para os vos@s fill@s.
- Participaremos, un ano máis no programa XOGADE, da Xunta de Galicia, que realiza diferentes actividades para promocionar o deporte e os hábitos de vida saudable.
- E por último, continuando coa dixitalización do noso centro, introducimos Abalar Móbil como servizo de comunicación coas familias. Unha aplicación que evitará gastos innecesarios de papel para realizar comunicacións entre familia e centro educativo, onde ademais poderán realizar trámites importantes como xustificación de faltas, citas de titoría, pago de impresos de comedor, consulta de expediente... cun só clic.

***Queremos agradecer publicamente a colaboración tanto de alumnado, como do resto da comunidade educativa (profesorado, familias, ANPA, concello...) para que estes proxectos e plans vaian adiante, proporcionando un claro beneficio para o centro pero, sobre todo, para o alumnado que o forma...

TODO ESTE ESFORZO É POUCO PARA OS NOSOS ALUMN@S!!! A POR TODAS ESTE CURSO!!!

martes, 5 de novembro de 2019

TEATRO NAS PROFUNDIDADES DOS MARES


Hoxe os máis pequenos e pequenas do cole, Educación Infantil e primeiro e segundo de Educación Primaria, fomos ver unha obra de teatro a Narón, xunto con outro alumnado cativo dos centros da zona. Estabamos inquedos e inquedas por ver que nos depararía ese título tan simple, "Acuario", que comparte tamén co libro da súa autora María Canosa. Non nos defraudou, escachamos coa risa e aplaudimos ata fartar.
Foi unha peza levada a escea polo grupo Ghazafellos xunto con María Canosa, que soubo manter a atención dos nenos e nenas en todo momento e transmitir os seus "peixe-coñecementos" sobre meigas, robalizas, congrios, polbos, luras, etc, adaptados ó seu desenvolvemento cognitivo.
Á saída puidemos ver de máis de preto a estes animais, xa que viñeron despedirnos á porta. Querían vir con nós para Moeche!
Glu glu!



venres, 1 de novembro de 2019

FESTA DO SAMAÍN E MAGOSTO



O mércores pasamos unha xornada xenial na escola, pois celebramos a festa de Samaín e Magosto. O día prometía cando xa pola mañá os nenos e nenas chegaban disfrazados con moitos traxes absolutamente terroríficos!
Para abrir boca, a primeira hora fixemos un percorrido polo túnel do terror máis espeluznante de tod@s. A clase de inglés era invadida por monstros, bruxas e seres malvados que recibiron a todo o alumnado do centro por quendas para asustalos (e nalgúns casos facer rir).
Acto seguido comezamos con pequenos obradoiros e xogos por grupos rotativos que os peques disfrutaron moitísimo, así tivemos:
- Una xincana de xogos de Samaín e unha visita sensorial na casa escura para o grupo de infantil.
- Creación dun conto conxunto e un Escape Room na biblioteca para primaria.

Como xa levábamos moito tempo de actividades, paramos un chisco para ir ao recreo e comer unhas castañas deliciosas.
Unha vez rematada a merenda, entraron as familias para pasar unha segunda parte xenial. Decoración de cabazas e momentos compartidos para disfrutar todos xunt@s. Coma sempre, as cabazas estaban incriblemente elaboradas, pero había que dar unha serie de premios para destacar algunha por categorías. Un xurado composto por persoal do concello, da ANPA e un representante do profesorado elexiron as seguintes:

- PREMIO Á CABAZA MÁIS TERRORÍFICA: familia de Zeltia
- PREMIO Á CABAZA MÁIS ORIXINAL: familia de Laura Rodríguez.
- PREMIO Á CABAZA MÁIS DIVERTIDA: familia de André.
- PREMIO Á CABAZA MÁIS ENXEBRE: familia de Bea.

Da mesma maniera aproveitamos a ocasión para entregar o premio do concurso proposto pola biblioteca "Decoro a Frankenstein", onde foron premiados os traballos de Óscar, Estrela e Gabriel.

PARABÉNS PARA TOD@S!!!

Grazas a todas as persoas que vos animástedes a pasar unha xornada con nós!

Deixamos unha galería de fotografías sobre a celebración:

FOTOS