Bo día cativada e familias!
Hoxe comezamos o mes de abril, toca cambiar a folla do calendario (se non temos un calendario que teña dous meses por folla claro!).
Desta vez tócanos coller a baralla de cartas, aquela que a maioría temos nas nosas casas, se non fose así sírvenos unha infantil semellante, con que teña números e varios paus xa nos vale. Se non tivésedes nada disto, queda a opción de fabricar unha nós mesmos, cos debuxos que queiramos e con números. E así dispoñémonos a traballar lóxica matemática con ela!

Deste xeito imos facer varias actividades, primeiro clasificación nos diferentes paus da baralla (ouros, bastos, espadas, copas).
Logo ordenamos de menor a maior.
Seguimos ordenando, desta vez de maior a menor.
Buscamos cal é o número que falla.
Traballamos o conteo, colocando obxectos en función do número da carta.
Facemos un memory de números, buscando a parella de cada carta.
Traballamos as sumas, primeiro axudámonos con obxectos, facilitando así a manipulación e asimilación do concepto e logo buscamos a carta que corresponde ao resultado.
E, para os máis maiores, tamén restamos, primeiro de xeito manipulativo e logo buscando tamén a carta correspondente.
E, por último, recollemos e gardamos a baralla na caixiña, que tamén implica un traballo de motricidade fina e de coidado do material.
A idea orixinal foi das mestras e mestres do CRA de Vilaboa.
Non quero despedirme sen compartir con vós un recurso que Efrén usa algunhas veces, unha páxina web con diversos xogos que traballan a lóxica matemática como o fixemos coa baralla: https://www.juegosinfantilespum.com/ Moitas gracias Efrén!
Pero non esquezades a importancia de manipular cantidades e obxectos, é o único xeito de que os nenos e nenas comprendan aquilo que están levando a cabo, especialmente na lóxica-matemática.
Moitos biquiños meus pequeniños e pequeniñas

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Lembramos aos usuarios do blogue que para publicar un comentario hai que ter en conta que debemos utilizar un vocabulario e ortografía axeitados e sempre co debido respecto. Non se aceptarán comentarios que sexan faltas de respecto ou conteñan vocabulario indebido.