Hoxe no cole tivemos un obradoiro moi divertido e interesante sobre alimentos. Aprendemos moitas cousas novas sobre o que comemos cada día e descubrimos algúns segredos que non coñeciamos!
Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi saber que non todo o azucre é igual: o que vén nos sobres non é o mesmo que o que teñen de forma natural os alimentos. Ademais, aprendemos que o azucre é como a gasolina para o noso cerebro, xa que nos dá enerxía para pensar e aprender mellor.
Tamén fixemos un experimento con zume de col lombarda, co que puidemos descubrir se un líquido é ácido ou non. A col lombarda reacciona cos líquidos segundo a súa acidez e cambia de cor, algo que nos encantou ver en directo!
Por último, realizamos outro experimento con iodo, no que botamos unhas pingas a diferentes vexetais. Sabemos que cando o iodo se mestura con alimentos que conteñen almidón( como a pataca, fariñas, cereais, algunhas froitas..), estes vólvense de cor negra. A sorpresa chegou cando vimos que tamén as salchichas se transformaban, porque un dos seus ingredientes principais é… A pataca!
Foi unha xornada chea de aprendizaxes, experimentos e moita curiosidade. Agora sabemos un pouquiño máis sobre o que comemos e a importancia de coñecer ben os alimentos que chegan ao noso prato.






Ningún comentario:
Publicar un comentario
Lembramos aos usuarios do blogue que para publicar un comentario hai que ter en conta que debemos utilizar un vocabulario e ortografía axeitados e sempre co debido respecto. Non se aceptarán comentarios que sexan faltas de respecto ou conteñan vocabulario indebido.