xoves, 4 de decembro de 2025

AS PROPOSTAS DE MODESTINA PARA GOZAR DO NADAL

 Ola a todas e todos!

Hoxe tivemos as nosas lecturas compartidas de Nadal e foron todo un éxito, estivemos ao quentiño coas nosas mantas e moi comodamente cos nosos coxíns e peluches. Ademais, Efrén, Abraham, Niko, Teo e Valeria dramatizaron o conto de ''A historia dos bonobos con lentes'',foron moi profesionais e fixérono moi ben, moitas grazas!

Velaquí vai a proposta para mañá: 


Algunhas fotos do día de hoxe:






mércores, 3 de decembro de 2025

AS PROPOSTAS DE MODESTINA PARA GOZAR DO NADAL

 Ola rapazada!!!

Moitas grazas por participar no taller de adornos de Nadal de hoxe! Estou moi feliz e orgullosa porque  estiven escoitando a moitos nenos e nenas falar en galego, que ledicia!

Velaquí vai a proposta para mañá, non esquezades as mantas, os coxíns ou os peluches! Agárdovos na biblio, 

Modestina.


E algunhas fotos do taller de hoxe:




martes, 2 de decembro de 2025

TORNEO DE COLPBOL!



A pasada semana rematou o torneo de Colpbol que estivemos a facer nos recreos durante o mes de novembro. Primeiro aprendemos moito sobre este divertido deporte alternativo nas clases de Educación Física e logo convocamos un torneo.

Foron moitos os alumnos/as que se quixeron apuntar e, tras unha liguiña, a clasificación resultou ser:

1.- TELETUBBIES

2.- POLOS EN SALSA

3.- 67

4.- LOS VIEJOS

Na gran final impúxose na tanda de penaltis o conxunto de "Os Teletubbies" grazas a un golazo de Paula a Adrián.

Parabéns a todos os equipos pola deportividade e ganas!



AS PROPOSTAS DE MODESTINA PARA GOZAR DO NADAL

Ola modestinas e modestinos! 

Aquí vai a segunda proposta de actividade. Espero que a gocedes tanto como a primeira. Moitas grazas por vir a biblio a pasalo xenial xuntos e xuntas!



Algunhas fotos do ben que o pasamos hoxe facendo o noso mural de Nadal.





luns, 1 de decembro de 2025

PLENO INFANTIL NO CONCELLO DE MOECHE

 Hoxe vivimos unha xornada especial no Concello de Moeche xa que participamos no Pleno Infantil organizado para celebrar o Día dos Dereitos da Infancia. Adrián, o noso compañeiro de sexto leu o manifesto que elaboraron no CLIA e que levaron ao Parlamento de Galicia. Ademais, o alumnado de quinto e sexto, en representación de todo o alumnando do cole, compartiu o kit de supervivencia no ámbito dixital. Un conxunto de consellos, reflexións e boas prácticas para navegar na rede e usar a tecnoloxía con seguridade, respecto e responsabilidade.

É fundamental recoñecer e poñer en valor a participación dos nenos e nenas na sociedade, para que poidan compartir as súas opinións que son claras, sinceras e cheas de sentido común!



AS PROPOSTAS DE MODESTINA PARA GOZAR DO NADAL

 



VOLVE A RADIO 23 PARA CELEBRAR O DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA!

Radio 23 volve a abrir as súas portas para que escoitedes os mellores podcast de toda a volta. E faino cunha ocasión moi especial, a celebración do Día dos Dereitos da Infancia.

Para iso asistimos ao Concello de Moeche a un pleno infantil onde expoñeremos as nosas conclusións sobre os dereitos das nenas e nenos no ámbito dixital. Para vivir neste mundo e que se respecten os nosos dereitos temos que elaborar un kit de supervivencia, pero... que meteríades nel? Polas diferentes clases do cole fomos recollendo información que vos ofrecemos neste programa de radio!



domingo, 30 de novembro de 2025

CONCURSO POSTAIS DE NADAL- ASOCIACIÓN ECUESTRE 23 DE ABRIL

 Ola familias. Dende a Asociación Ecuestre do 23 de abril, recibimos esta información que vos enviamos para animarvos a participar neste concurso.



venres, 28 de novembro de 2025

APRENDEMOS A ELABORAR O NOSO PROPIO COMPOST E LEMBRAMOS A IMPORTANCIA DUN CONSUMO RESPONSABLE

Hoxe no cole recibimos a visita dun biólogo e mestre composteiro que, ademais de ensinarnos a elaborar o noso propio compost, compartiu con nós datos moi importantes sobre os residuos que xeramos os seres humanos. Falamos, entre outras cousas, do esgotamento dos recursos naturais do planeta e tamén da formación de illas de lixo nos océanos debido aos residuos que desbotamos. Foi unha charla tan interesante como preocupante, que nos lembra a importancia de implicarnos e facer un consumo responsable.



xoves, 27 de novembro de 2025

SIMULACRO DE INCENDIOS

 Hoxe no noso colexio realizamos un simulacro de emerxencia no que participou o corpo de bombeiros e bombeiras de Ortigueira. Despois do exercicio, deixáronnos subir ao camión e explicáronnos a maquinaria e os instrumentos que empregan no seu traballo diario. Para rematar, tivemos a oportunidade de probar a mangueira e aprender un pouco máis sobre como actúan ante unha emerxencia. Moitas grazas aos profesionais que estiveron hoxe con nós no cole!












mércores, 26 de novembro de 2025

SAÍDA A FERROL E NARÓN.

 O pasado martes os nenos e nenas de Educación Infantil e de 1º e 2º de Educación Primaria fomos de excursión e pasámolo en grande.

Primeiro, asistimos á fundación ABANCA. Alí desfrutamos da exposición fotográfica de Tim Flach, un fotógrafo que viaxou por todo o mundo sacando fotos aos animais en perigo de extinción. Así, percorremos a exposición baixo a premisa de buscar solucións para protexer a todos aqueles animales que íbamos visitando. 

Despois de atopar as diferentes solucións para a súa protección e de tapar a tartaruga mascota da exposición para que puidese descansar, pasamos a unha sala para realizar un obradoiro moi pintoresco. Aquí puxemos en marcha toda a nosa creatividade, pintando a uns axolotes e o seu hábitat.

Por último, dirixímonos ao Auditorio de Narón para desfrutar da obra teatral titulada "Travesía Unicornio", unha obra interpretada pola compañía Ghazafelhos baseada na historia homónima de María Canosa. Coma sempre, as risas estiveron asegurada e volvimos ao cole co corazón ben cheíño de experiencias.



O resto das fotos da xornada podedes velas AQUÍ



SAÍDA Á COSTA DE DEXO

    O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria achegouse o día de hoxe ata o Concello de Oleiros para desfrutar dunha mañá ao aire libre na Costa de Dexo, un espazo catalogado como Monumento Natural e espazo protexido polo seu gran valor ambiental.

Quedamos abraiados pola fermosura das vistas, da paisaxe e de todos os elementos que a conforman.

Vimos o famoso illote de A Marola ("Quen pasou a Marola, pasou a mar toda"), as furnas, o seixo branco, pegadas de raposo, can e cabalo, etc. Ademais, atopamos especies animais e vexetais características deste lugar, como as barbas do demo, a flor do azafrán, distintos tipos de cogomelos, a herba de namorar...  Ata tivemos a oportunidade de ver un numeroso grupo de golfiños nadando en conxunto!

Moitas grazas aos biólogos do CEIDA por guiarnos e por todas as explicacións tan interesantes que nos ofreceron.

Pinchade na imaxe para ver máis fotos deste día.




25N DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

 


Onte, 25N, celebramos no centro o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Contamos coa visita da alcaldesa, que foi a encargada de entregar os diplomas e premios aos lemas gañadores deste ano. Para rematar a xornada, gozamos dun fermoso contacontos titulado “Mulleres de Pedra” de María da Pontragha, que nos fixo rir e bailar pero tamén reflexionar,  e aprender a través das súas historias.
Pincha aquí para ver máis fotos e videos do 25N.

luns, 24 de novembro de 2025

CANLE YOUTUBE HISTÓRIC@S 10.0

Un ano máis, o grupo de 5º e 6º configuraron o nome do cal vai ser o seu equipo. Un ano máis tiraron de creatividade e puxéronse "Históric@s 10.0". 

Teñen a súa propia canle Youtube, e aínda que xa hai tempo que traballan nela (xa temos vídeos de este ano) aínda non se presentaran oficialmente. Podedes seguir os seus traballos, potenciando o proxecto de centro "Escoita que che conto" en Youtube.com/historicosmoeche.

Eles mesmos subirán vídeos sobre os seus traballos, de propia creación i edición.

Deixamos enlace co vídeo de presentación onde explican un pouco de que vai:



mércores, 19 de novembro de 2025

TÍRALLE DA LINGUA!

Tíralle da Lingua é un certame de relato oral proposto pola Asociación Pedagóxica Galega que este ano celebra a edición XXIV. O alumnado de 5º e 6º participou presentando relatos orais inventados por eles/as de xeito libre. 

A única norma era facer unha contada en galego. Fixeron 5 grupos i estas foron as súas propostas!















martes, 18 de novembro de 2025

POLO SAN MARTIÑO PEÓNS AO CAMIÑO!

Polo San Martiño, peóns ao camiño!!! Así berramos tódolos anos por estas datas para celebrar o Día do Peón no cole. Un curso máis trouxemos as nosas buxainas ao centro para xogar un pouco con elas e recuperar este xogo propio da nosa cultura e tradición. Deixamos un vídeo para que vexades algunha imaxe...



domingo, 16 de novembro de 2025

Gran Gala dos Contos Modestinos 2025

 A semana pasada, o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria presentou na biblioteca do cole a Gran Gala dos Contos Modestinos, un proxecto realizado con moito esforzo e ilusión, que ademais foi envidado ao XV Certame de Curtas da Asociación Pedagóxica Galega.

Tivemos a sorte de contar coa visita de Pepablo e Montse, que se achegaron á biblioteca para ver o resultado xunto cos demais cursos. Un dos contos representados foi "Lúa", escrito por Pepablo.

Agardamos que vos guste!






venres, 14 de novembro de 2025

NANAI DA CHINA, CONTACONTOS

 Hoxe o noso alumnado puido gozar dun fermoso contacontos titulado Nanai da China da compañía Pérez&Fernández, unha obra chea de maxia que combina títeres, efectos visuais e acompañamento musical para crear unha experiencia única.
A través dunha historia divertida e entrañable, o espectáculo invitounos a reflexionar sobre as supersticións e a mala sorte, pero tamén sobre o amor dentro da familia. 
Foi unha mañá  chea de fantasía e aprendizaxes. Agardamos poder repetir moi pronto!



xoves, 13 de novembro de 2025

ESTO BAILASE ASÍ!!!



AS NENAS E NENOS DE INFANTIL PARTICIPAMOS NO V CERTAME COREOGRAFÍATE DA ASOCIACIÓN PEDAGÓXICA. 
Para esta ocasión eleximos o tema de Uxía Lambona e a Banda Molona: Esto bailase así! 



 

martes, 11 de novembro de 2025

ENERXÍA I ELECETRICIDADE NO CIS

Hoxe, o alumnado de 5º e 6º tiveron a oportunidade de pasar unha mañá de ciencia no CIS (Centro de Innovación e Servicios da Tecnoloxía) de Ferrol.

No mesmo, Javier e Santiago foron os encargados de dirixir dous obradoiros moi dinámicos e divertidos onde aprendemos moito sobre os diferentes tipos de enerxía e a electricidade. Todo a través de sinxelos experimentos que quedarán gravados na memoria da rapazada.




Coñecemos o xerador de enerxía Van de Graff, ademais de probalos coas nosas propias mans. Tamén creamos circuítos onde acendíamos diferentes leds, bombillas, placas solares e incluso cosntruímos un con tres limóns!
Tras unha boa merenda, era a quenda de falar sobre electricidade. Comprobamos como montar un robot pintor con material de refugallo e un pequeno motor.
Aprendemos moito e pasámolo xenial! Moitas grazas!


mércores, 5 de novembro de 2025

VISITA Á XUNTA DE GALICIA E PARLAMENTO GALEGO

 

Hoxe o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do noso colexio, xunto co alumnado do CEIP A Barqueira, realizou unha excursión moi especial a Santiago de Compostela para visitar dúas das institucións máis importantes da nosa comunidade: a Xunta de Galicia e o Parlamento Galego.

Na Xunta puidemos coñecer diferentes espacios do edificio, entre eles a sala onde se reúnen os conselleiros e conselleiras e tamén a sala na que comparten e debaten propostas os secretarios e secretarias xerais. Foi moi interesante descubrir como se organiza o goberno galego e que funcións ten cada unha destas figuras.

Despois desprazámonos ao Parlamento de Galicia, onde tivemos a sorte de presenciar un pleno en directo. Durante a sesión, os deputados e deputadas debatían temas de gran importancia para todos os galegos e as galegas, como a vivienda e a sanidade.

Foi unha xornada chea de aprendizaxe e experiencias novas, que nos axudou a entender mellor como funciona a nosa comunidade e a importancia da participación democrática.




xoves, 30 de outubro de 2025

SAMAÍN 2025

 Hoxe no CEIP San Ramón vivimos unha xornada moi especial coa celebración do Samaín.

Pola mañá, na primeira hora, o alumnado converteuse en auténticos actores e actrices para representar pequenas dramatizacións de historias terroríficas. Apareceron personaxes máxicos e misteriosos da nosa tradición como demiños, a Coca, a Santa Compaña, os biosbardos e moitos máis que puxeron os pelos de punta a todo o mundo! Despois todos e todas puidemos ver os vídeos das dramatizacións na biblioteca, gozando de novo cos sustos e as risas.

Despois da merenda, chegaron as familias e xuntos decoramos cabazas, comemos castañas e compartimos momentos moi especiais entre música, bailes e moita diversión. Para poñer o broche final, celebrouse a entrega de premios do Samaín.

 Bailamos, comemos e decoramos, convertendo este día nun recordo inesquecible. Feliz Samaín a todos e todas!









LECTURAS COMPARTIDAS DE SAMAÍN

 

Onte fixemos unha actividade moi especial no colexio: lecturas compartidas! Os nenos e nenas maiores léronlles contos aos máis pequenos, e o fixemos con todo o cole ás escuras, iluminándonos só con lanternas. A experiencia foi divertida e máxica, todos e todas gozamos moito desta maneira diferente de ler xuntos!






xoves, 23 de outubro de 2025

LECTURA E CIENCIA. DENTRO DO PROGRAMA ''LER CONTA MOITO''

 Hoxe no cole tivemos un obradoiro moi divertido e interesante sobre alimentos. Aprendemos moitas cousas novas sobre o que comemos cada día e descubrimos algúns segredos que non coñeciamos!

Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi saber que non todo o azucre é igual: o que vén nos sobres non é o mesmo que o que teñen de forma natural os alimentos. Ademais, aprendemos que o azucre é como a gasolina para o noso cerebro, xa que nos dá enerxía para pensar e aprender mellor.

Tamén fixemos un experimento con zume de col lombarda, co que puidemos descubrir se un líquido é ácido ou non. A col lombarda reacciona cos líquidos segundo a súa acidez e cambia de cor, algo que nos encantou ver en directo!

Por último, realizamos outro experimento con iodo, no que botamos unhas pingas a diferentes vexetais. Sabemos que cando o iodo se mestura con alimentos que conteñen almidón( como a pataca, fariñas, cereais, algunhas froitas..), estes vólvense de cor negra. A sorpresa chegou cando vimos que tamén as salchichas se transformaban, porque un dos seus ingredientes principais é… A pataca! 

Foi unha xornada chea de aprendizaxes, experimentos e moita curiosidade. Agora sabemos un pouquiño máis sobre o que comemos e a importancia de coñecer ben os alimentos que chegan ao noso prato.