Amosando publicacións coa etiqueta NDLG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta NDLG. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de xuño de 2025

CONTACONTOS DO ALUMNADO

 Ao longo desta última semana do curso tivemos o pracer de poder desfrutar de dous contacontos no reino dos libros.

-"A casa da mosca chosca" interpretado polas nenas e nenos do reino dos Coelliños.

-"Hamburguesa de calcetín" interpretado polo alumnado do reino dos Irmandiños.

Fixéronno tan ben que nos deixaron con ganas de máis! 

Pinchade na imaxe para ver o vídeo.









O LOBO FELIZ!

Hoxe tivemos a sorte de contar no cole con Miguel Guido, un artista polifacético que fixo cantar e bailar ao público modestino ao son das súas cancións. Todo isto cun fío condutor do conto escrito por el "O lobo feliz", que narra as aventuras dun lobo que non quería ser feroz.





xoves, 19 de xuño de 2025

DE ROSALÍA ÁS CANTAREIRAS

Hoxe na biblioteca de Modestina tivemos a oportunidade de desfrutar dunha marabillosa actividade titulada "De Rosalía ás cantareiras". Zeltia, de "A xanela do Maxín" foi a encargada de facer que o alumnado emprendese unha viaxe desde o 17 de maio de 1863 ata hoxe. Na mesma repasamos a todas aquelas mulleres que foron protagonistas polo Día das Nosas Letras.

Rosalía, Xela Arias, Luísa Villalta... e cantareiras como As Cantareiras de Mens, Fillas de Cassandra e mesmo as Tanxugueiras foron as protagonistas desta xornada.

Gustounos tanto que ao rematar decidimos saír ao patio a tocar a pandeireta, cantar e bailar!


Moitas grazas a Zeltia pola súa labor e ao Concello de Moeche por facelo posible.









martes, 17 de xuño de 2025

CONTACONTOS MADE IN FEITO NA CASA!

 Esta semana está sendo moi movida na nosa biblioteca!

O luns comezamos visualizando os booktrailers que fixeron os maiores, onde nos recomendaron lecturas moi interesantes como "Pete the cat" ou "Supertato".

Acto seguido comezou o tempo de contar contos, que tanto nos gusta. O primeiro foi "Chocolata", narrado por Valeria e interpretado por Carolina, Julia e Josué facendo da protagonista.



E despois tocou unha pequena sorpresa, pois as alumnas de 6º, Oihane e Candela, deixaron a todos abraiados coa narración e interpretación do conto "Plumi", que narra as mil e unha aventuras dun pingüín. Finalizaron a historia cun pequeno concerto no cal podía participar todo o alumnado que quixera! 
P.D. Curráronse esta actividade nos seus tempos de lecer para regalarllo aos compis en fin de curso!








mércores, 4 de xuño de 2025

FINAL DO PROXECTO SOBRE A IDADE MEDIA!: VENTOEIRO Nº 31


Na xornada de onte vivimos unha marabillosa experiencia que cerra o proxecto conxunto co CEIP de A Barqueira. Nós coa Idade Media i eles/as cos castros iniciamos unha viaxe aló por outubro que rematou na área recreativa do Castro, en Cerdido.

O alumnado de ambos centros, e coas familias presentes, realizaron unha exposición do traballo de todo un ano. Para todas aquelas persoas que non puidestes asistir, aquí vos deixamos o enlace para ver toda a presentación enteira, sen os vídeos cortados. 

Xa sabedes, collede flocos de millo, sofá, e a disfrutar de tooooodo o contido sen cortes!


CLIC PARA VER A PRESENTACIÓN

martes, 3 de xuño de 2025

PUBLICACIÓN GAÑADOR@S CONCURSO CHISTÍN


 


PUBLICACIÓN GAÑADOR@S  CONCURSO CHISTÍN

5º E 6º : UXÍO

3º E 4º: LÍA

EI, 1º E 2º: NOA, ANTÍA, UXUE, ERIN E PAULA.

Pero tamén están premiados.....:

  • Aqueles que participaron en TODAS as proba con 1 erro.
        Noel, Adrián( 1º), Gael, Martín, Leo, Asier e Ander.
  • Aqueles que participaron na metade ou máis da metade das probas propostas.
        Mario, Karen, Briana, Breogán, Anxo, Sofía, Efrén, Abraham, Alexis, Estela,                     Julia, Adrián(5º), Nuno, Candela, Héctor, Oihane, Sergio e Iván.


NORABOA A TODOS E TODAS

domingo, 18 de maio de 2025

Pandeireta cantareira!

 O pasado venres celebramos o día das Letras Galegas todos xuntos cunha xornada chea de contos, xogos e por suposto...CANTAREIRAS!

Moitas grazas a todos os que participastes para que un ano máis a nosa lingua se sinta viva



venres, 9 de maio de 2025

Convivencia en As Somozas

 Como ven sendo tradición nestes últimos anos, os nenos e nenas dos coles de "A Barqueira", "O Marbán" e "San Ramón" reunímonos nunha agradable velada. Nesta ocasión os anfitrións foron os nosos amigos de As Somozas.

Pasamos unha mañá moi divertida realizando diferentes talleres relacionados coa chegada da primavera:

- Realización dunha alfombra floral conxunta cos nomes dos nosos coles.

- Decoración dun maio vertical.

- Composición artística feita con estampación de follas.

- Creación de grilandas de laranxas, limóns e ovos para o maio.

- Elaboración dun marcapáxinas con flores.

Despois de tanto traballo, chegou o momento de merendar pastelón, empanada e froita. Que rico estaba todo! 

Tras isto, os maiores dos tres coles, recitáronnos unhas coplas adicadas aos maios, ás cantareiras e, incluso, unha delas musicada.

Finalmente, chegou o momento de voltar ao "San Ramón" cargados dos nosos traballiños e co corazón cheo de novas amizades. 


SEMPRE É UN PRACER COMPARTIR ESTAS EXPERIENCIAS COS NOSOS VECIÑOS E VECIÑAS!

Fotos da xornada

mércores, 23 de abril de 2025

OBRADOIROS MEDIEVAIS

Na xornada do martes 22 tivemos uns obradoiros moi emocionantes. Seguimos co proxecto sobre a Idade Media no que Modestina nos ten inmersos. Desta volta tocaban unha serie de actividades relacionadas coa temática.
A primeira corría a cargo de Sergio Antón (@seranluthier) que se encargou de abrir boca a primeira hora da mañá. Ataviado coa súa zanfoña, de elaboración propia, fixo un repaso sobre a historia e vida deste instrumento do medievo. Non só ensinou a evolución da zanfoña, senón que explicou as súas partes, o funcionamento e, por suposto, tocou unhas pezas medievais.
As nenas e nenos tiveron tamén oportunidade de preguntar as súas inquedanzas sobre este curioso instrumento, aprenderon moito e quedaron encantad@s. Grazas Sergio polo teu bon facer.


Tras a primeira das actividades tocaba facer unha rotación por grupos doutros tres obradoiros. Un deles foi a cargo de Alouette Machine imprenta ambulante. Un grupo que transformou a biblioteca nun espazo propio do mesmo Gütenberg. A rapazada tivo a oportunidade de ver como se facían os traballos de imprenta propios do final da época medieval. Quedaron abraiados de como se facía daquela un traballo que agora está a un par de "clics".
Ademais de coñecer os materiais e ver como funcionaban fixeron un taller de prensa, onde imprimiron distintas novas que poderían ocorrer no Moeche de hai centos de anos. 
Queremos agradecer tamén a Cris e Yamba o seu traballo cos nosos nenos/as.


Os dous últimos talleres eran dirixidos pola Asociación Val de Moeche e versaban sobre cestería e cerámica, dous oficios da época medieval. Cargados con médula, barro e moita ilusión presentábanse no San Ramón para pasar a mañá cos nenos/as. Puidemos ver como a cativada modestina ten moito arte, pois as creacións de barro e os cestos quedaron realmente bonitos e, como dixeron quenes dirixían os obradoiros, con moita creatividade.
Tamén queremos agradecer moito a colaboración desta asociación que traballaron toda a mañá cos nosos/as peques e fixeron que o pasaran xenial á vez que aprendían sobre estes dous elementos. Mil grazas por todo ao gran grupo de persoas que asistiron para axudar, sodes unha Asociación envexable!




Deixamos un enlace con moitas fotos do día:



UNHA XORNADA MEMORABLE QUE QUEDARÁ NA MEMORIA DO ALUMNADO DO COLE,

GRAZAS POR TANTO!






luns, 21 de abril de 2025

VISITA AO CASTELO DE MOECHE

Seguindo co noso proxecto da Idade Media o pasado venres visitamos a estrutura medieval máis famosa de Moeche: o castelo. Convidamos ás nenas e nenos de Cerdido a pasar a mañá con nós e foi estupenda.

O Concello de Moeche abriu as portas do castelo e foi Ramón Carballeira o encargado de ensinarnos moito e moi ben sobre a cultura medieval modestina. Non podía faltar o berro de "luuuumeeee" no alto para celebrar a nosa particular revolta irmandiña.

Ademais, por quendas, puidemos disfrutar dunha sesión de xogos medievais onde practicamos cos arcos, as billardas e algún que outro xogo máis.

Pasámolo xenial i esperamos pronto a visita ao Concello veciño onde aprenderemos sobre a cultura castrexa!










mércores, 9 de abril de 2025

CREAMOS AS NOSAS PROPIAS EMPRESAS

En Ciencias Sociais, falando do tema da economía, pareceunos interesante presentar un traballo onde había que crear as nosas propias empresas.

Fixémolo desde cero, pensando en toda a cadea económica desde a produción ata o consumo. Da mesma maneira fixemos un pequeno prantexamento dos recursos humanos, materiais i económicos que nos farían falla para arrincar co negocio. Por suposto tocou facer un balance de ingresos e gastos para obter o noso P.V.P. final. E para comercializalo pensar a nosa estratexia de marketing.

Foi extenso pero moi produtivo. Deixamos un pequeno vídeo/ resumo que realizaron presentando como o fixeron.

Xa están feitos uns futuros empresarios/as!


ACEITUNAS RINDONGUIS



CEREAIS ÑAM



ESTOXOS SOC

 


ZUMES FRIS













venres, 21 de marzo de 2025

MULLER E DEPORTE



Co gallo do 8-M, o alumnado de 5º e 6º fixo un traballo sobre como está a muller dentro do deporte. Falamos sobre a igualdade neste ámbito. Que mellor maneira de facelo que contar con 12 mulleres que falaron con nós, parte na Radio 23, parte desde as súas casas. 

12 mulleres que nos ensinaron moito e ás que lles queremos dar grazas por compartir as súas experiencias!


ADRIÁN entrevista á súa avoa Lita, muller que realiza varios deportes como senderismo, natación ou ximnasia de mantemento.
   

 CANDELA fala con Susi, coñecida atleta modestina, sobre muller e deporte.
   

 CAROLINA conversa cunha profe do centro. Veremos como é a igualdade no crosfit.

   

 HÉCTOR presenta o seu traballo cunha entrevista á súa nai. Cun pasado relacionado con varios deportes participará neste faladoiro.

   

 IVÁN entrevista a Mariana, veciña modestina que practicou xadrez durante varios anos.

   

 JOSUÉ fala con Fina, exfutbolista do mítico Cebarca feminino. Muller e deporte no mundo do fútbol.

   

 JULIA trouxo á Radio 23 a Lidia, a súa madriña e deportista desde hai varios anos.

   

 NUNO tivo un anaco coa profe Elena para falar sobre o papel da muller no deporte. Neste caso toca fútbol.

   

 OIHANE tráenos a Andrea, profesora de hípica panameña que nos dará o seu punto de vista sobre a igualdade no seu ámbito de traballo.
   

SERGIO compartiu un momento con Raquel, deportista local que practicou fútbol durante moitos anos e recentemente gañadora de títulos e copas coa bicicleta.

   

 UXÍO preséntanos a Lucía, a mestra de xadrez do cole. Falamos de mulleres no mundo do xadrez.

   

 VALERIA entrevista á última das nosas futbolistas. A súa tía Loli que practicou fútbol durante anos.

 

luns, 10 de marzo de 2025

LENDAS MEDIEVAIS MODESTINAS!



Nas clases dos grandes (3º a 6º) seguimos a traballar conxuntamente no tema das lendas do medievo. É un tema que está gustando e nesta ocasión tocou profundizar máis nas historias locais.

Grazas á xente que nos axudou nas nosas pescudas, e a varios libros consultados, logramos ter un pequeno recopilatorio de lendas modestinas que queremos compartir con vós.

Pero... xa sabedes que a nosa rapazada é de usar a creatividade e darlle unha volta de rosca máis. Por iso é que decidiron contar esas lendas en formato podcast. E non un podcast calquera: temos desde soños, contos en primeira persoa e ata viaxes no tempo!! Non deixan de sorprendernos aos profes coas súas ideas!


VASCO, O TROBADOR DE MOECHE (CANDELA, ADRIÁN, ESTELA, ASIER E ÁNDER)  
OS LOBOS DE MOECHE (OIHANE, ÁLVARO, SERGIO E UXÍO)  
 A LENDA DE SAN XIAO (IVÁN, JULIA, TEO, ALEXIS E NIKO)  
LENDAS CURTAS MODESTINAS (SHAYLA, HÉCTOR, JOSUÉ, VALERIA E LÍA)  
MÁIS LENDAS CURTAS (NUNO, ABRAHAM, CAROLINA, ÉRIC I EFRÉN) 

venres, 28 de febreiro de 2025

ENTROIDO 2025

Como xa é tradición o Entroido comezaba xa hai uns días no cole coa chegada do Meco. Este ano tocou un ben trastiño que se encargou de facernos levar de todo durante uns días!!!

Calcetíns nas mans, roupa do revés, disfraz tolo... e senón... FARIÑA!!!

Pero todo foi un pequeno quencemento para o gran día. Hoxe enchemos as rúas modestinas de castrexos e castrexas. Lembrade que este ano intercambiamos as vestimentas cos nosos amigos e amigas de Cerdido.

Con machados e trisqueles iniciamos o noso roteiro por San Ramón ata o Concello, onde nos recibiron e cantamos unha canción con baile! 

Logo tocaba volver ao centro e desfilar, tantos nenos/as como aquelas familias divertidas que fixeron este día un pouco máis especial se cabe. No concurso os mellores disfraces foron para:

- A medio gas, onde coma sempre, Xian ofreceu as súas mellores galas e deleitou ao público cuns derrapes de gran motorista.

- O príncipe de Balocos cun viaxe á infancia das mamás e papás que puideron recrear unha das loitas máis típicas das merendas do Xabarín: SonGoku vs Picolo.

- Las mamis en el Gym. Catro rapazas que demostraron estar moi fit, levantando as súas pesas e facendo os seus exercicios que evidenciaban grandes resultados na súa musculatura.

- Equipo Vileda. Unha señoriña que deixou o chan do centro moi limpiño co seu exército de fregonas. Un disfraz "de altura" que non deixou indiferente a naide.

Xa co Meco Pepe chorando os seus últimos lamentos, as nenas e nenos léronlle as súas coplas. Unha vez máis as profes cobramos moito máis que o Meco. Todas estiveron de marabilla, pero o xurado decidiu nomear gañadoras deste ano a:

- Martín, de 2º de primaria.

- Efrén, de 4º de primaria.

- Oihane, de 6º de primaria.

O alumando de 3º e 4º encargábase de ler por Pepe o seu testamento antes de ser queimado, dando fin ao Entroido deste curso.

Deixamos un vídeo resumo da xornada de hoxe. Queremos das grazas a todas aquelas persoas que vos animastes a pasar un ratiño con nós.

Que teñades un bo fin de semana longo!



mércores, 26 de febreiro de 2025

MIGALLAS!




O pasado venres tivemos a gran sorte de contar no centro coa compañía teatral Migallas. Trouxeron o espectáculo "Brincadeiras da lingua", mediante o cal aprendemos moitas desas cancións e xogos da nosa lingua á vez que pasamos un pedazo realmente divertido...

Queremos dar grazas ao Concello de Moeche por ofrecernos esta posibilidade.


luns, 24 de febreiro de 2025

LENDAS MEDIEVAIS TEATRALIZADAS

As nenas e nenos de 3º a 6º realizaron un proxecto durante estas semanas consistente en teatralizar varias lendas medievais.

En primeiro lugar, baseándonse en libros da nosa biblioteca contextualizaron varias lendas dentro da época en cuestión. Logo, traballando en grupos e despois dunha escolla, analizaron a lenda e adaptaron os seus textos a un guion teatral. Xa só quedaba poñerse as mellores galas e a interpretar!!!

As narracións escollidas son: Robin Hood, O cantar de Mío Cid, A cantiga de Roldán, Os cabaleiros da mesa redonda e Romeo e Xulieta.

Hoxe tivo lugar a estrea mundial na biblioteca para o resto de compis e profes do cole, pero temos todas elas en vídeo para que poidades desfrutar das mesmas!



venres, 21 de febreiro de 2025

ARRINCAMOS CO ENTROIDO!!!



Como xa é tradición, as cousiñas de Entroido comezan no San Ramón uns días antes... Para abrir boca presentamos ao Meco Pepe, que hoxe apareceu nos corredores do centro co primeiro mandato. As nenas e nenos terán que estar moi atent@s e cumprir todas as ordes que vaian dando se non queren probar algunha das súas trasnadas!

Iso si, o plan será queimalo o vindeiro venres 28 na festa de toda a comunidade educativa, previa lectura de coplas as cales vos animamos a participar. Haberá unha menciòn para aquela familia que realice a copla máis orixinal ao noso Meco.

Por outra banda, como manda a tradición, dito venres tamén teremos un concurso con varias categorías de premios para as familias que se animen a facerlles o día un pouquiño máis feliz aos nosos/as peques. Haberá quen consiga desbancar á parella máis aclamada do pasado ano: Barbie e Ken? Veremos de novo grandes comparsas como as que nos tedes acostumados?? Sexa como sexa, a poñerse algo que teñades por casa e a pasalo ben!




venres, 7 de febreiro de 2025

A RADIO 23 CONSEGUE FREAR O CAMBIO CLIMÁTICO!



Compartimos con vós un podcast creado polo alumnado de 5º e 6º de primaria para participar no Día da Radio de Ponte nas Ondas. A temática era o cambio climático e, tras un proceso de investigación, este é o orixinal resultado!


mércores, 5 de febreiro de 2025

AUDIOCONTOS



Hoxe traemos unha tarefa interesante que realizou o alumnado de 5º e 6º. A actividade consistía en crear un audioconto. Para iso escribimos un conto respectando as súas diferentes partes, logo gravamos co programa Audacity o audio para traballar a expresión oral ademais da escrita e, por último, xogamos con efectos de son para darlle un pouco de ambiente e creatividade á nosa historia. Esperamos que vos gusten!

 Que máis podería pasar?  (CANDELA)


Brut, o raposo   (NUNO)

A historia de Carlota (VALERIA)
 
 Doritos aventureiros (ADRIÁN)  
 Guerra en Nildon (HÉCTOR)  
 A aldea pantasma (IVÁN)  
 As mellores amigas (JULIA)  
 Sergio na cidade encantada (SERGIO)  


 Aventura dos Históric@s (OIHANE)  
 Viaxe ao descoñecido (UXÍO) 

VIDEOCONFERENCIA COS AMIG@S DA BARQUEIRA

Para seguir avanzando no noso proxecto conxunto, o alumnado do CEIP A Barqueira e o noso fixeron unha videochamada. Na mesma, os maiores de cada centro era as encargadas/os de falar sobre a vestimenta típica de cada etapa (Castrexa e Medieval). 

Aprendemos moito e de paso saudamos aos nosos/as amigos/as.