sábado, 9 de novembro de 2019

BOAS NOVAS

Seguimos con boas novas para este curso. Levamos xa uns anos traballando en diferentes proxectos para ofrecer unha educación de calidade aos vosos/as pequenos/as.
Por elo, o claustro do centro seguimos formándonos día a día e presentando diferentes proxectos de innovación educativa que mellorarán o proceso de ensinanza - aprendizaxe modestino.

En primeiro lugar queremos anunciar algunhas das participacións que levaremos a cabo este curso:

- Renovamos un ano máis a nosa biblioteca como centro PLAMBE, o cal nos permite estar dentro da rede de bibliotecas da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, potenciando a lectura e levando a cabo diferentes actividades que enriquecerán o poder que teñen os libros como elemento de aprendizaxe e alfabetización.
- Por segundo ano tamén estaremos inmersos no proxecto de Bibliotecas Creativas da Xunta de Galicia, centrado un ano máis na implantación de aspectos innovadores como a robótica para o traballo das capacidades no alumnado. Dentro deste proxecto seremos dotados dunha impresora 3D, coa cal poderemos realizar grandes traballos co alumnado.
- Seguiremos tamén dentro do programa Bibliotecas Solidarias, mediante o cal obtivemos o selo de Biblioteca Escolar Solidaria polo traballo feito o curso pasado (nada fácil xa que poucos centros posúen este galardón). A través deste programa traballaremos coa nosa biblioteca como medio de compensación das desigualdades fomentando o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar.
- Temos tamén o pracer de comunicarvos que somos centro seleccionado para o programa "Digicraft en tu cole" no marco do Plan Digitalent, que potenciará a educación dixital do noso alumnado, tan importante nos tempos de corren. É unha honra para nós participar neste grupo selecto de centros que poden participar deste proxecto, xa que tan só unha pequena escolla de centros escolares galegos foron seleccionados para dito programa. Isto conleva, ademais, unha dotación de material tecnolóxico (12 tablets e equipamento de realidade virtual e aumentada aplicada ao ensino) para o colexio que os nenos e nenas poderán usar para mellorar a competencia dixital.
- Da mesma maneira fomos admitidos no Plan Proxecta en dúas modalidades:
A primeira delas é un proxecto de meteoroloxía. Coa nova adquisición dunha estación metereolóxica, recentemente instalada polo operarios do concello, traballaremos con rexistros reais e os nenos e nenas poderán ver in situ as diferentes características dos fenómenos metereolóxicos e os aparellos que miden os mesmos. Neste programa será vital a colaboración con Meteogalicia, que nos proporcionará información e recursos para levalo a cabo.
A segunda sería un plan de mobilidade sostible. A través da Educación Viaria, sobre a cal levamos dous anos profundizando como proxecto anual de centro, realizaremos unha educación na prevención de riscos e accidentes, desenvolvemento sostible e coñecemento da sinaléctica na nosa contorna, incidindo nos camiños escolares seguros e as posibilidades que nos ofrece a nosa contorna para coñecer as sinais de tráfico.
- De novo, por segundo ano, solicitaremos unha renovación dos "Contratos Programa" (apartado de mellora de competencias clave), que de seguro axudará ao alumnado a desenvolver as súas capacidades. Trátase de establecer liñas de actuación docente que poremos en práctica cos nosos grupos para fomentar un aumento de adquisición das competencias matemática, lingüística e de ciencia e tecnoloxía. Este programa conleva unha dotación económica acorde cos obxectivos plantexados/consecución en base a uns indicadores dos mesmos.
- Cómpre destacar tamén que o profesorado estaremos este ano inmersos dentro de dous Proxectos de Formación Permanente do Profesorado (PFPP). Un novo sobre a Robótica e renovamos por segundo ano outro sobre Edixgal, que xa leva un curso funcionando no centro. Ámbolos dous serán vitales para que o colexio siga camiñando dentro da innovación educativa e a adaptación dos escolares no mundo tecnolóxico ao que se enfrentarán nun futuro. Asemade, a totalidade do claustro atópase realizando pequenos cursos e xornadas de formación no seu tempo de lecer para intentar ofrecer unha ensinanza de calidade para os vos@s fill@s.
- Participaremos, un ano máis no programa XOGADE, da Xunta de Galicia, que realiza diferentes actividades para promocionar o deporte e os hábitos de vida saudable.
- E por último, continuando coa dixitalización do noso centro, introducimos Abalar Móbil como servizo de comunicación coas familias. Unha aplicación que evitará gastos innecesarios de papel para realizar comunicacións entre familia e centro educativo, onde ademais poderán realizar trámites importantes como xustificación de faltas, citas de titoría, pago de impresos de comedor, consulta de expediente... cun só clic.

***Queremos agradecer publicamente a colaboración tanto de alumnado, como do resto da comunidade educativa (profesorado, familias, ANPA, concello...) para que estes proxectos e plans vaian adiante, proporcionando un claro beneficio para o centro pero, sobre todo, para o alumnado que o forma...

TODO ESTE ESFORZO É POUCO PARA OS NOSOS ALUMN@S!!! A POR TODAS ESTE CURSO!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Lembramos aos usuarios do blogue que para publicar un comentario hai que ter en conta que debemos utilizar un vocabulario e ortografía axeitados e sempre co debido respecto. Non se aceptarán comentarios que sexan faltas de respecto ou conteñan vocabulario indebido.